Joaquín Garrido Pardo, designado Secretario Xeral do Consello Regulador

10 Xullo, 2020

Joaquín Garrido Pardo foi designado Secretario Xeral do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, tras o proceso de selección desenvolto nos últimos meses.

Garrido Pardo é licenciado en Economía pola Universidade de Santiago e atesoura unha ampla experiencia profesional desenvolvida en Galicia e tamén fóra de España, concretamente en países como Eslovaquia, Romanía, Polonia, Francia e Emiratos Árabes, onde demostrou a súa capacidade para lograr a consolidación tanto de empresas como de mercados.

A continua evolución do sector do mexillón e os novos retos que se plantexan nun mercado cada vez máis competitivo facían necesario o reforzamento da estrutura de xestión cun perfil profesional que axudase ao Consello Regulador a afrontar nas mellores circunstancias a defensa dos intereses do noso sector.

Así o aconsellaba tamén o crecemento experimentado nos últimos anos pola DOP, tanto no número de operadores, xa sexan produtores, comercializadores e transformadores, no volume de produto controlado en porto, así como na cota de mercado. Esa tendencia á alza mantense e xustifica plenamente a necesidade dunha profesionalización que nos permita dar resposta aos desafíos que debemos afrontar no horizonte máis próximo.

Con este nomeamento, a DOP establecerá novos e ambiciosos obxectivos que, por unha banda, axuden aos operadores en orixe e, por outra, faciliten ás empresas a súa acción nos mercados, contribuíndo deste xeito a que Mexillón de Galicia acrecente a notoriedade e prestixio do que xa goza.