Tradición histórica

A vinculación de Galicia co mexillón é un feito do que se teñen noticias xa no século VIII a.C.. As primeiras poboacións celtas en Galicia aproveitaban a baixa mar para facerse cun rico menú de mariscos, como o demostran as grandes cantidades de cunchas de mexillón e outros moluscos encontradas no exterior das súas aldeas fortificadas (castros). No século V d.C. o consumo de mexillón esténdese cara o interior da Galicia romana.

No século XVIII, dende as Rías Galegas, expedíanse con destino á corte dos Austrias pequenos barrís de ostras e mexillóns, somerxidos en “escabeche real”, para ser consumidos pola nobreza na Coresma. O rexedor de Santiago de Compostela, Don José Cornide Saavedra, xa dicía do mexillón que “a súa carne despois da ostra é a mellor”. Nesta época non existía un cultivo en sentido estrito, o mexillón procedía de parques ou zonas determinadas suxeitas a un réxime de concesión que ostentaban algunhas familias.

A experiencia seguiu estendéndose e gañando importancia e no século XIX comezan a producirse as primeiras experiencias de cultivo. Don Paz Granells cita en 1869 que en Carril (ría de Arousa) os mariscadores converteran os antigos viveiros de ostras en mexilloeiras.

Durante as primeiras décadas do século XX intensificáronse os intentos de acadar un cultivo estable en cercados ou estacas. Pero non é ata os anos 40 cando se inicia o gran desenvolvemento da miticultura galega, cando o propietario de “Viveros del Rial”, que levaba tempo tentando criar mexillóns sobre estacas, cambia de método e decide intentar o cultivo de mexillón suspendido.

En 1945 fondéase na ría de Arousa a primeira batea. Este prototipo posuía un único flotador en forma de cubo feito de madeira que soportaba un entramado tamén de madeira onde se colgaban uns poucos metros de corda de esparto cru. Os esperanzadores resultados acadados por este pioneiro da mitilicultura galega fixeron que instalara ao ano seguinte 10 bateas na “escollera” do porto de Vilagarcía de Arousa. En 1949 inícianse os fondeos na ría de Vigo; en 1954 esténdense ás localidades de Cambados, O Grove, Bueu, Redondela e Pobra do Caramiñal; un ano máis tarde instálanse bateas na ría de Sada e finalmente en 1956 na de Muros.

Así foi como a mediados do século XX co desenvolvemento da actividade pasouse da simple recolección a un cultivo punteiro no mundo da acuicultura, converténdose en piar da economía de moitos concellos costeiros e propiciando o fomento xeneralizado do consumo deste marisco ata hoxe en día.

Estes anos iniciáticos foron testemuña das continuas innovacións das estruturas, dos métodos e das prácticas de cultivo. Os caixóns de madeira foron recubertos de cemento para aumentar a seguridade e alongar a súa vida útil, aumentou o tamaño do engrellado grazas a tirantes de cable metálico que axudaban a soportar a estrutura, algúns produtores adoptaron vellos cascos de barcos como sistema de flotación. Con posterioridade, as cordas de esparto foron reemprazadas polas de nailon e a incorporación do aceiro e do poliéster con recubrimento de fibra de vidro no sistema de flotabilidade permitiron maior vida útil, seguridade e rendementos de cultivo.

Hoxendía o Mexillón de Galicia conta co distintivo de DOP que ofrece un valor engadido ao produto e protexe a sostibilidade do sector que xera un enorme efecto arrastre no fomento de investimentos en activos de empresas transformadoras (conserva, conxelado, pasteurizados) e comercializadoras (depuración, centros de expedición), en empresas auxiliares (asteleiros, caldeirería, construción de ribeira, cordelerías), no sector servizos (actividades financieiras, asesoramento legal e laboral) e no desenvolvemento de centros de creación de coñecemento (investigación, control, monitoring, formación).

Proba do seu calado na sociedade son as numerosas festas e romarías dedicadas ao mexillón, algunha delas con máis de trinta edicións.