Técnicas de cultivo

O proceso de cultivo do Mexillón de Galicia divídese en varias etapas:

– OBTENCIÓN DA SEMENTE (mexilla): nas miles de bateas que poboan as Rías Galegas, millóns de machos e femias de mexillón cultivado botan os gametos ao mar, onde se produce a fecundación, dando orixe a larvas que posteriormente se fixarán ás rochas. Así vanse repoboando abundantemente os bancos naturais, garantindo un moi alto nivel de biodiversidade xenética da poboación, co reinicio do ciclo natural.

Nos meses de decembro a abril, os bateeiros, xogándose a súa integridade física –igual que os percebeiros-, saltan ás rochas máis batidas do litoral para recoller a semente utilizando rasquetas. Ademais, onde as condicións oceánicas e ambientais en xeral son favorables, a recolección da mexilla realízase tamén mediante cordas colectoras especialmente deseñadas para que as larvas de mexillón se adhiran. As cordas colectoras cólganse na batea nos meses de marzo a xuño, época de desove, intre no que se adhiren as larvas que, co paso do tempo, se converterán en mexillón.

– ENCORDADO: a semente dun tamaño de 1-2 cm. lévase á batea ou ao barco e procédese á confección das “cordas de mexilla”. A mexilla envólvese sobre a corda coa axuda dunha fina rede biodegradable de raión, dándolle ao mexillón o tempo suficiente para que se embise sobre a corda. Esta operación faise ben manualmente ou mediante máquinas especialmente deseñadas para esa fin, as encordadoras.

– O DESDOBRE: despois de 4 ou 6 meses no mar, cando o mexillón alcanza os 4,5 ou 5,5 cm., procédese ao izado das cordas de mexilla. Debido ao considerable aumento de peso do mexillón, faise necesario o desdobre das cordas, isto é, a confección de novas cordas de densidade menor. Con este desdobre facilítase o crecemento do mexillón, ademais de evitar o seu desprendemento das cordas. Por cada “corda de mexilla” obtéñense entre dúas ou tres “cordas de desdobre” que se botan ao mar ata a súa comercialización.

– COLLEITA E SELECCIÓN: despois de aproximadamente un ano, o mexillón de desdobre alcanza a talla comercial. As cordas son retiradas da auga coa axuda da grúa e izadas ao barco. Unha vez en cuberta, se o mexillón se destina a comercializar en fresco, o mexillón límpase con abundante auga de mar, procédese a súa selección por tallas e finalmente introdúcese en sacos plásticos, listo xa para o seu traslado aos centros expedidores. En canto á súa colleita para a súa comercialización para fábrica, o mexillón límpase e póusase a granel no barco. Logo é recollido pola grúa no peirao e introducido no camión en dirección o centro de transformación.

A época de colleita do Mexillón de Galicia depende, entre outras razóns, do seu destino. Así, o mexillón destinado ás empresas transformadoras coléctase xeralmente no verán e o destinado ao consumo en fresco coléctase preferentemente durante o outono e o inverno.

O cultivo é, por tanto, un proceso totalmente natural xa que o mexillón aproveita de xeito eficiente esa riqueza de nutrintes que a Natureza regalou ás rías galegas. E tamén exemplo de actividade sostible pois é económicamente viable, socialmente equitativo e medioambientalmente amigable.

A BATEA

O sistema de cultivo tradicional en Galicia é a batea, un deseño autóctono que é o de mellor rendemento dos coñecidos, e que logrou converter a Galicia no líder europeo de produción.

A batea é un viveiro flotante constituído por un entramado de madeira de eucalipto, de forma máis ou menos rectangular, sobre o que se atan as cordas de mexillón. A batea mantense suspendida mediante un sistema de flotadores.