Bioloxía do Mexilón

O Mexillón de Galicia (Mytilus galloprovincialis) é un molusco bivalvo que presenta unha característica forma lonxitudinal de machada, en punta e grosa no extremo anterior, e longa moi afiada no posterior. A súa cuncha está formada por dúas valvas iguais de carbonato cálcico, cubertas externamente por unha capa de cor negro azulado, onde se poden observar unhas liñas concéntricas denominadas estrías de crecemento.

Polo que se refire ao seu aspecto interno, a vianda ten habitualmente unha cor alaranxada, aínda que hai individuos que presentan unha cor máis branca. Con todo, estas cores son más intensas que as dos mexillóns procedentes doutros lugares, debido ás excepcionais condicións, en cantidade e calidade, do fitoplancto das rías galegas.

O Mexillón de Galicia aliméntase por filtración, aproveitando o fitoplancto que se encontra na auga do mar. A súa capacidade de filtración é excepcional, chegando a filtrar ata oito litros de auga por hora.

En canto á reprodución, o Mexillón de Galicia é un animal de sexos separados. Machos y femias botan os seus gametos ao mar, onde se produce a fecundación. As larvas producidas fan vida peláxica durante unhas semanas mentres completan o seu desenvolvemento, e logo fíxanse a un substrato mediante uns filamentos denominados biso, unhas fibras que crea o mexillón por secreción natural dunha proteína que se endurece en contacto coa auga.

Esta particularidade natural do mexillón é aproveitada polos mitilicultores galegos para fixalo ás cordas que colgan das bateas, para conseguir así un produto da máxima calidade, cun elevado rendemento en vianda e libre de areas e lama. En estado silvestre, o mexillón habita nas rochas do litoral pero non se permite extraelo (salvo a semente nos períodos regulados) nin comercializalo.