Garantía de calidade alimentaria

Control de calidade

O Mexillón de Galicia está sometido a un rigoroso control que certifica a súa orixe e garante a súa calidade.

A primeira fase do cultivo é a obtención da semente ou “mexilla” das rochas do litoral nos meses de decembro e abril, ou mediante cordas colectoras que se colgan da batea entre os meses de marzo a xuño. Estas prácticas están reguladas pola Administración. Asemade, neste inicio do cultivo prodúcese a primeira verificación mediante unha auditoría incluída no sistema de control de calidade e certificación.

Unha vez que o molusco acada a talla comercial, trasládase ao porto, onde pasa unha segunda fase do control de calidade e certificación. Neste control verifícase que o produto cumpre cos parámetros de calidade establecidos.

A continuación, o mexillón é transportado ata os centros de elaboración e transformación, onde se verifica a adecuación dos produtos obtidos ás normas. Finalmente, inspecciónanse aleatoriamente puntos de venda (mercados centrais e detallistas) para comprobar o estado final do produto antes da súa adquisición por parte do consumidor.

O control da calidade do Mexillón de Galicia con Denominación de Orixe Protexida é realizado polos técnicos de control e certificación do Consello Regulador, coa colaboración de Bureau Veritas, entidade de certificación de recoñecido prestixio internacional e con máis de 170 anos de experiencia.

Garantía alimentaria

A tradición histórica e a importancia socioeconómica que o mexillón ten en Galicia propiciou un extenso entramado de centros oficiais de investigación arredor do mexillón que constitúen un parámetro de seguridade e garantía que diferenza Galicia doutras zonas produtoras de mexillón no mundo.

Destacan, entre outros, o Laboratorio Europeo de Referencia, dependente da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN), o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC), o Laboratorio de Sanidade Exterior (MAGRAMA), o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Instituto Tecnolóxico do Mar (Intecmar). Este último, dependente da Xunta de Galicia, é o encargado de vixiar e controlar tanto a calidade das augas nas que se cultiva o mexillón, como a calidade sanitaria do propio marisco.

Asemade, o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, dentro do seu Departamento de I+D+i, dispón dun laboratorio dotado para realizar análises. Todo isto xenera un amplo coñecemento das rías (o medio), de todo o que rodea o cultivo (os procesos) e do mexillón e dos seus produtos.

Ademais, nas empresas certificadas polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia sométese o marisco a un coidadoso proceso para verificar que o mexillón que chega ao mercado cumpre todas as esixencias hixiénico-sanitarias.