A marca

Só a marca Mexillón de Galicia certifica o mexillón producido, transformado e elaborado en Galicia, o auténtico mexillón das Rías Galegas.

Esta exclusividade está regulada na lexislación europea sobre Denominacións de Orixe Protexidas (DOP). As DOPs son figuras institucionais que amparan produtos agroalimentarios que cumpren estritamente as seguintes condicións:

1.- Son orixinarios dun lugar determinado.

2.- A súa calidade ou características débense fundamentalmente ou exclusivamente ao medio xeográfico, cos seus factores naturais e humanos.

3.- A produción, a transformación e a elaboración realízase nunha zona xeográfica determinada.

Por esta razón legal, só mexillóns que se producen, transforman e elaboran en Galicia poden levar no seu envase a marca Mexillón de Galicia como distintivo de exclusividade.

A identidade gráfica da marca componse dun símbolo que representa as estrías da cuncha do mexillón, unha imaxe que remite ao molusco vivo e natural. Este símbolo preséntase envolto nun marco cadrado coa inscrición ‘Mexillón de Galicia, Denominación de Orixe Protexida. A palabra ‘Galicia’ adquire todo o protagonismo, mediante unha tipografía de maior tamaño, que resalta o prestixio vinculado á zona de procedencia. A cor verde remite tanto ao mar como ao plancto, o alimento do mexillón.

Os produtos frescos de Mexillón de Galicia incorporan ademais o logotipo identificativo das DOP europeas. E os produtos transformados incorporan unha lenda co texto ‘elaborado con’ podendo levar tamén o logotipo identificativo das DOP europeas.

Só o auténtico Mexillón de Galicia aparece así identificado. Non son válidas outras evocacións á orixe en envases de produtos non certificados con DOP, que poidan dar lugar a confusións ao consumidor (como por exemplo: “das rías galegas”, “elaborado en Galicia”).

Para descargar o Manual de Identidade das Marcas de Mexillón de Galicia DOP pulse aquí.