Funcións

A finalidade por excelencia do Consello Regulador do Mexillón de Galicia é fomentar a calidade do mexillón, tanto nas actividades de cultivo, como na elaboración, na transformación e na distribución, para poder ofrecerlle ao consumidor un produto acorde coas súas expectativas e esixencias.

O control da orixe e da calidade do produto comeza coa realización de auditorías nas bateas. Así mesmo, o Consello Regulador dispón de unidades de control en todos os peiraos autorizados para a descarga de mexillón. O persoal técnico de control e certificación equipado con medios de transmisión telemática de datos supervisa cada unha das descargas de mexillón que se realizan neses peiraos. Tamén é función do Consello auditar a cadea de custodia nas empresas de elaboración e transformación de mexillón e facer inspeccións aleatorias de produto no mercado.

Os controis establecidos son a base de todo o sistema de certificación de produto, que é un proceso dinámico e permanente, de xeito que cando os resultados son favorables e garanten a calidade e a orixe do mexillón, prodúcese a certificación conforme a norma de calidade ISO-17065. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia ten subcontratada parte das tarefas de control e certificación á entidade independente externa Bureau Veritas Certification.

Das investigacións do Departamento de I+D+i téñense obtido resultados que foron rexistrados como patentes. Ademais, o departamento ten participado en distintos proxectos de investigación a nivel galego, estatal e comunitario, con entidades públicas, centros oficiais de control e universidades.

Por outra banda, é finalidade do Consello Regulador trasladarlle ao consumidor as bondades do Mexillón de Galicia, facendo promoción das súas excelentes características organolépticas (sabor, aroma, cor, textura, palatabilidade,…) e nutricionais atribuídas á riqueza en nutrintes das augas das Rías Galegas (un dos máis importantes depósitos fitoplanctónicos do planeta), ao medio de cultivo (a batea), e á axeitada filosofía de cultivo empregada.

Ademais, o Consello Regulador ten a función de fomento e promoción de iniciativas socioeconómicas para a mellora do tecido vinculado ao Mexillón de Galicia -familias, empresas, traballadores e consumidores-. Para iso, realiza estudos socieoeconómicos e comerciais, formula propostas e orientacións de intervención no sector, e sobre cambios ou reformas da normativa legal na materia. Asemade, mantén unha liña de colaboración directa coa Administración Pública na defensa e protección dos dereitos e intereses dos consumidores e da DOP.