A Xustiza condena a vulneración da DOP Mexillón de Galicia na etiquetaxe das conservas

21 Xullo, 2015

O Xulgado do Mercantil de Pontevedra vén de ditar sentenza pola que condena á conserveira Javimar polo uso das mencións “de las Rías Gallegas”, “fabricado en Galicia” e “envasado en Galicia” nas súas conservas, sen estar amparadas pola Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia. A sentenza considera que se produciu unha vulneración da normativa da DOP e que este tipo de práctica incorre en competencia desleal.

O Xulgado do Mercantil de Pontevedra, en Sentenza de 15 de xullo do 2015, vén de condenar á empresa Javimar, con sede en Ribadumia, pola utilización na etiquetaxe de mencións referidas á orixe, contravindo a normativa europea, e en consecuencia, ordénalle cesar no uso de tales mencións e retirar do mercado todos os produtos e material publicitario afectado. Ademais, a conserveira deberá indemnizar ao Consello Regulador coa cantidade de 15.000 euros por danos e prexuízos.

A sentenza dálle a razón ao Consello Regulador do Mexillón de Galicia e clarifica o ámbito de aplicación da DOP, un aspecto que continuamente está a ser cuestionado por unha parte da industria conserveira que importa mitílidos de terceiros países e utiliza evocacións a Galicia na etiquetaxe. Así, mentres que a defensa de Javimar argumentou que a protección da DOP só ampara o produto fresco, o xulgado non comparte esta posición xa que o regulamento comunitario é tallante ao establecer a protección dun nome rexistrado, neste caso Mexillón de Galicia, contra calquera uso comercial directo ou indirecto en produtos -calquera que sexa a súa presentación comercial- que non estean amparados pola DOP.

Posto que a empresa Javimar non está inscrita no rexistro da DOP, os seus produtos non poden facer referencia a Galicia na etiquetaxe, con independencia de se o produto comercializado é Mytilus Galloprovincialis ou calquera outra especie que poida ser considerada mexillón. Tal e como sinala a sentenza, “o esencial é que quen non forma parte da DOP non pode amosar comercialmente o produto como procedente ou vinculado con Galicia”.

Ademais, a resolución xudicial considera que o uso irregular da mención a Galicia nas conservas constitúe unha práctica de competencia desleal, unha denuncia que o Consello Regulador vén reiterando nos últimos anos.

Neste contexto, aínda que cabe recurso de apelación contra a sentenza, o presidente do Consello Regulador, Francisco Alcalde, valorou a resolución como un gran paso adiante na protección da DOP e declarou que “a Consellería de Medio Rural e do Mar e o Instituto Galego de Consumo deberían asumir un cambio de actitude neste tema, para que dunha vez por todas se actúe para erradicar os casos de ilegalidades na etiquetaxe das conservas de mexillón”.

O Consello Regulador presentou a demanda contra Javimar o pasado mes de outubro de 2014. A sentenza favorable chega xusto despois do lanzamento do spot “Mexillón de Galicia, marisco de etiqueta”, no que se denuncia a mala praxe na etiquetaxe do mexillón. O vídeo, dispoñible en tres versións idiomáticas, rexistrou en cinco días máis de 5.000 reproducións nas redes sociais vinculadas ao Mexillón de Galicia.

https://www.youtube.com/mexillondeGaliciaDOP