A certificación de Mexillón de Galicia con Denominación de Orixe Protexida duplicouse durante o ano 2014, segundo se desprende do balance anual do Consello Regulador. O volume de mexillón certificado en porto superou os 33,1 millóns de Kg netos certificados fronte aos 16,7 do 2013, acadando así un novo fito. Ademais, durante o pasado exercicio o Consello Regulador creou un Directorio de Marcas para dar resposta ás novas empresas que solicitaban o uso do selo Mexillón de Galicia.
A DOP Mexillón de Galicia acadou no 2014 un novo récord, ao rexistrar 33’1 millóns de quilos de mexillón certificado en porto, confirmando así a tendencia ascendente da certificación nos últimos anos. O incremento no volume produciuse a pesares da presenza da marea vermella, que ocasionou tres intensos peches administrativos dos polígonos de bateas e obrigou a interromper as actividades de certificación.
O principal destino do mexillón certificado segue a ser a industria transformadora, que absorbeu o 90% do volume total con 29,9 millóns de kg netos. Esta cifra supón case o dobre que a rexistrada no 2013 (15,2 millóns) e revela a crecente importancia da DOP como elemento diferenciador no mercado da conserva, un ámbito no que a orixe galega constitúe un reclamo de prestixio para o consumidor.
No caso do mexillón con destino ao mercado do fresco, o volume tamén se dobrou ao pasar dos 1,5 millóns de kg do 2013 aos 3,1 millóns do 2014. O incremento da demanda coincidiu coa campaña promocional posta en marcha nos puntos de venda, baixo o lema “Namórate dun galego”, que supuxo a entrada do mexillón fresco con DOP en máis de 1.500 supermercados de El Corte Inglés, Vegalsa-Eroski, Gadis, Froiz, Alcampo, Carrefour, Consum, El Arco, Sabeco, Lupa e Telco. Neste caso, a principal vantaxe comparativa do mexillón fresco con DOP é a garantía de calidade que lle ofrece ao consumidor, cun rendemento en carne garantido que supera con diferenza os estándares habituais do mercado.
Por outra banda, o mexillón certificado nos portos significou en primeira venda un valor de 14,7 millóns de euros; destes, 12,9 corresponderon ao mexillón con destino á industria, e 1,8 millóns ao mexillón con destino fresco.
Para o Consello Regulador, os datos arroxados polo balance anual do 2014 indican que o Mexillón de Galicia está acadando cada vez máis prestixio e notoriedade no mercado. Con todo, o obxectivo do Consello Regulador é máis amplo e pretende acadar un maior coñecemento do selo no mercado, transmitíndolle ao consumidor as garantías e vantaxes da DOP e aumentar así o valor do produto.
Directorio de marcas
No ano 2014 o Consello Regulador creou un Directorio de Marcas, que se sumou aos Rexistros existentes de bateas e de empresas certificadas. A creación do novo rexistro respondeu á demanda de empresas alimentarias que, aínda non sendo elaboradoras, desexaban comercializar os seus produtos de mexillón co selo da Denominación de Orixe, encargando a súa elaboración a empresas certificadas. Así, o directorio é un instrumento de control necesario para acreditar a titularidade das marcas e para autorizar o seu uso co amparo da DOP. Na actualidade estanse a tramitar 7 solicitudes de inscrición.
Así mesmo, o Rexistro de Empresas certificadas, entre as que se inclúen depuradoras de moluscos e de transformación, chegou no 2014 a 33, dúas máis ca no ano anterior.
En total, máis de 40 marcas comerciais teñen presenza no mercado nacional e internacional amparadas co selo da DOP. A oferta de produtos das diferentes marcas supera o centenar de formatos diferentes dirixidos ao consumidor final.
Produtos con maior presenza no mercado
A industria transformadora comercializou no 2014 máis de 13 millóns de latas de conserva de Mexillón de Galicia, o que supuxo o formato con DOP con maior porcentaxe no mercado de produto transformado. Seguíronlle en importancia o mexillón conxelado en media cuncha (391.000 kg), a vianda conxelada (181.000 kg) e o mexillón conxelado na súa auga (149.000 kg).
Por outra banda, no 2014 os diferentes elaborados con DOP (conserva, conxelados, refrixerados…) consolidaron a súa presenza internacional, mediante as exportacións a diversos países, entre os que figuran Italia, Francia, Alemaña, Estados Unidos, México e Singapur.
En canto ao mercado do fresco, durante o 2014 comercializáronse 1,5 millóns de quilos de Mexillón de Galicia con DOP. O principal destino xeográfico foi a península Ibérica e o principal canal de venda, as peixerías das grandes superficies comerciais.
Controis
O Consello Regulador exerce o control da DOP Mexillón de Galicia desde as primeiras fases do cultivo ata a elaboración final dos produtos.
Nos portos, os técnicos de control do Consello realizaron durante o 2014 aproximadamente 11.000 controis, o que supón 2.500 accións máis ca no 2013. Este notable incremento das actividades amosa o relevante papel que exerce o Consello Regulador nas tarefas de control de produto e na intervención das transaccións comerciais dos portos.
Así mesmo, Bureau Veritas, que colabora co Consello Regulador nas actividades de certificación e inspección, realizou 167 auditorías en bateas e outras 66 auditorías en empresas comercializadoras certificadas.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.