Tosta de Mexillón de Galicia con ‘escalivada’

Logotipo Tosta de Mexillón de Galicia con ‘escalivada’

Ingredientes:
4 rebandas de pan de fogaza, 2 pementos verdes, 2 pementos vermellos, 1 cebola, 1 cabaciña, 1 berenxena, 1 dente de allo, Mexillóns de Galicia sen valva, aceite, sal, pementa negra.

Ingredientes para a vinagreta de froitos secos:
3 culleradas de aceite de oliva virxe extra, 1 cullerada de vinagre de Módena, 1 cullerada de salsa de soia, pipas peladas, pistachos, noces, améndoas.

Preparación:
Poñemos todas as verduras nunha bandexa de asar e regámolas cun chorriño de aceite para facer unha escalivada. Asámolas no forno a 180º, ata que estean tenras; a cabaciña e a berenxena serán as primeiras en estar listas. Pelar todas as verduras e cortar en tiras finas, engadir sal e pementa e reservar.

Abrimos os mexillóns ao vapor, en canto empecen a abrir, sacámolos do lume e retiramos a carne das valvas e limpamos de filamentos.

Facemos a vinagreta, picamos os froitos secos. Por outro lado, mesturamos o aceite co vinagre e a salsa de soia, e despois agregamos os froitos picados. Reservamos.

Regamos o pan con aceite de oliva e tostamos nunha prancha, cando estea tostado, retiramos as rebandas e dispoñemos enriba a escalivada. Superpoñemos os mexillóns e finalmente terminamos aderezando coa vinagreta de froitos secos.

Emma Pinal Osorio
Chef do Gastrobar “O Birrán”
(Ribadavia – Ourense)