O Mexillón de Galicia fresco reaparece en 1.500 supermercados coa súa mellor calidade

23 Xullo, 2014

As peixerías dos principais supermercados de España contarán a partir do 24 de xullo con Mexillón de Galicia fresco certificado. Logo dun longo período sen abastecemento debido ás vedas, o molusco preséntase ante os consumidores nas súas mellores condicións en canto a tamaño, rendemento e calidade. O relanzamento comercial irá acompañado de material promocional e involucrará a máis de 1.500 puntos de venda, a maior distribución alcanzada ata a data polo produto fresco.

A tempada estival foi tradicionalmente un período de gran consumo de Mexillón de Galicia fresco, debido ás excelentes condicións que acada o molusco nestes meses, e aos costumes e hábitos dos consumidores, que asocian a degustación do mexillón cos bos momentos do verán.

Neste contexto, a partir do xoves 24 de xullo, o Consello Regulador inicia unha acción promocional dirixida ao punto de venda, para comunicarlles aos clientes que xa é posible atopar nas peixerías o auténtico Mexillón de Galicia con Denominación de Orixe Protexida.

Nunha primeira fase, sumáronse á campaña 1.561 supermercados de El Corte Inglés, Vegalsa-Eroski, Gadis, Froiz, Alcampo, Carrefour, Consum, Lupa e Telco, que irán incorporando progresivamente o produto. As últimas catro cadeas citadas comercializarán por primeira vez mexillón fresco con Denominación de Orixe, polo que o molusco acadará unha distribución sen precedentes ata o momento. Ademais, o Consello Regulador espera que nas próximas semanas confirmen a súa adhesión outras cadeas de distribución alimentaria.

A posta de produto nas peixerías e seccións de marisco irá acompañada da distribución de máis de 325.000 receitarios e máis de 10.000 carteis e bolsas reutilizables. Baixo o lema “Namórate dun galego”, a creatividade tamén se amosará en carteis publicitarios de exterior.

Abastecemento e control
A calidade é un dos sinais de identidade e a principal baza do Mexillón de Galicia, así que só o mexillón que acada os estándares de calidade establecidos pode lucir a etiqueta da DOP. Ademais, as empresas autorizadas a comercializar a DOP Mexillón de Galicia deben pasar antes unha auditoría.

Nesta campaña, o mexillón fresco será abastecido por un total de 12 centros de depuración: Linamar, Barlovento, Mares de Galicia, Remagro, Jose Mª Daporta, Mariscos Malliño, Mariscos Cordal, Mariscos Veiro, Aurelio Silva, Pescadona, Moluscos Rías Baixas e MoluscosTroncoso. En todos os casos, o produto será sometido ao habitual proceso de control exercido polo Consello Regulador e a entidade Bureau Veritas.

A campaña conta coa colaboración da Consellería de Medio Rural e do Mar e o seu obxectivo é fomentar o consumo e estimular a demanda de DOP Mexillón de Galicia. Dado que se trata dunha acción dirixida ao conxunto do mercado español, o material promocional está dispoñible tanto en galego como en castelán, para que todas as cadeas de alimentación poidan atender a demanda dos seus respectivos clientes.