O Instituto de Investigacións Mariñas e o Consello Regulador do Mexillón de Galicia desenvolverán unha nova ferramenta destinada a mellorar a comunicación entre bateeiros e a comunidade científica. Ese intercambio de información canalizarase a través dunha enquisa online que foi presentada hoxe ao sector na sede do Consello Regulador e permitirá rexistrar de forma precisa e documentada todos os datos relativos ao cultivo de mexillón en batea. Esta acción inscríbese no proxecto “Investigación, Desenvolvemento e Innovación dunha Rede de Observación Costeira: Ría de Arousa” (REDEIRA).
No acto interviron Ángeles Longa responsable do departamento de I+D+i do Consello Regulador, Xosé Manuel Fernández Babarro, investigador do grupo “Ecofisioloxía, Biomarcadores e Xestión de Bivalvos” do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, e Xosé Antonio Padín Vázquez, investigador do grupo de “Procesos Oceanográficos en Cambio Global”, tamen do IIM-CSIC.
Esta innovadora iniciativa permitirá mellorar o coñecemento do impacto da variabilidade ambiental na evolución temporal e espacial das incidencias que preocupan ao sector (mortalidade, crecemento, fauna acompañante, desprendementos…). Con esta enquisa obterase información tanto do propio cultivo de mexillón en cada unha das bateas como das características ambientais da súa contorna, por iso a participación activa dos propios bateeiros será clave.
Os productores poderán achegar os datos de forma sinxela e clara en diversos formatos (texto, audio, fotografía ou vídeo). Esa información será completada automaticamente polo sistema deseñado en REDEIRA con rexistros ambientais procedentes de distintas fontes (datos satelitais, modelos hidrodinámicos, etc.).
Para comprender os cambios na produción de mexillón, os factores que inflúen na súa variabilidade interanual, así como os riscos e ameazas derivados do cambio global, é imprescindible dispor de bases de datos que permitan analizar a relación entre o cultivo e as características ambientais.
O Consello Regulador, en colaboración con dous grupos de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (IIM-CSIC), “Ecofisioloxía, Biomarcadores e Xestión de Bivalvos” e “Procesos Oceanográficos en Cambio Global”, leva anos traballando en proxectos con este obxectivo, desenvolvendo accións que permitiron monitorizar varios ciclos de cultivo de mexillón en bateas da Ría de Arousa e, incluso, realizar investigacións en laboratorio que afondaron no coñecemento do impacto dos factores ambientais e biolóxicos na produción das bateas, ademais de estimar o efecto das principais alteracións ambientais vinculadas ao cambio global.
A combinación de accións no medio natural e de estudos no laboratorio é fundamental para poder entender a verdadeira importancia de cada factor de estrés que se investiga, debido a elevada interacción e sinerxias que ocorren nas zonas de cultivo. A pesar do esforzo realizado, responder ás demandas urxentes dun sector preocupado segue sendo inviable polas limitacións inherentes á actividade investigadora e a necesidade de dispor de datos históricos relevantes para analizar e caracterizar os cambios observados.
Agora o Instituto de Investigacións Mariñas e o Consello Regulador do Mexillón de Galicia poñen en marcha unha canle de comunicación que proporcionará unha oportunidade de documentar as principais incidencias que afectan o cultivo actual do mexillón en Galicia. Unha valiosa oportunidade para establecer unha base de datos de referencia sobre a que desenvolver futuros estudos. Trátase dunha colaboración entre o sector miticultor e a comunidade científica que aspira a ser un paso decisivo na mellora da xestión e sostibilidade do cultivo do mexillón ao longo do litoral galego.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.