A excelencia de Mexillón de Galicia, no escenario dos produtos máis exclusivos

22 Abril, 2024

Nos seus 37 anos de historia, o Salón Gourmets converteuse nun dos eventos dedicados á alimentación e as bebidas de alta calidade máis importantes do mundo.

Esta nova edición que se desenvolve en Madrid dende hoxe ata o día 25 conta coa presenza da DOP Mexillón de Galicia, que compartirá espazo cos produtos máis selectos, innovadores e vangardistas da gastronomía mundial.

A DOP segue así adiante coa intensa actividade promocional que está a desenvolver co obxectivo de incrementar o coñecemento e recoñecemento do seu selo de calidade, nesta ocasión nun escenario do máximo nivel ao que asiste un público profesional para coñecer os alimentos de alta gama que teñen como a súa principal seña de identidade a excelencia.

Precisamente ese é un dos rasgos distintivos de Mexillón de Galicia que poderá comprobar quen acuda ao noso expositor no recinto de Ifema, onde se mostrarán os diferentes formatos comerciais utilizados polas marcas certificadas. Os visitantes tamén terán oportunidade de coñecer o proceso de cría do mexillón e os controis que lle fan merecedor do distintivo de calidade.

Esta cita permitirá establecer contactos cos profesionais da restauración e a hostalería dos que se poden beneficiar as empresas certificadas pola DOP á hora de planificar as súas estratexias comerciais.

Ademais, o público deste salón poderá gozar do sabor único de Mexillón de Galicia. Será na degustación de mañán martes, día 23, na que o cociñeiro Flavio Morganti, da Osteria Domenica de Ourense, presentará varias receitas elaboradas con Mexillón de Galicia.