Tres receitas de Mexillón de Galicia triunfan no Mercado da Paz

3 Abril, 2024

“Ensaladilla rusa de Mexillón de Galicia escabechado”, “Mexillón de Galicia en curri verde” e “Tortilla aberta de Mexillón de Galicia” foron as tres propostas elaboradas por Pepe Solla (unha estrela Michelin) no showcooking celebrado hoxe en Madrid no marco do programa de promoción e comunicación que a DOP Mexillón de Galicia e a DOP Cava desenvolven conxuntamente.

A cita contou coa presenza de 20 xornalistas de medios xeneralistas, do sector agroalimentario e do gastronómico que, antes da degustación, coñeceron da man do secretario xeral de Mexillón de Galicia, Joaquín Garrido, as funcións e significado da DOP, así como as características que fan de Mexillón de Galicia un produto da máxima calidade e un alimento excepcional.

Pola súa banda, Solla explicou as elaboracións presentadas, destacando as virtudes e versatilidade de Mexillón de Galicia, cuxa presencia é crecente nas cartas dos mellores restaurantes.

As tres receitas de Mexillón de Galicia acompañáronse doutros tantos tipos de Cava, cada un cunhas particularidades que foron explicadas pola sumiller María José Huertas.

O escenario desta nova acción foi o Posto 92, un Pop up store situado no Mercado da Paz. Desde o luns e ata o sábado, ese espazo é un escaparate no que ademais de mostrar os produtos de ambas DOP os visitantes poderán gozar de degustacións de Mexillón de Galicia con diferentes clases de Cava.