Madrid acolle un novo evento promocional de Mexillón de Galicia e Cava

1 Abril, 2024

O Mercado da Paz, en Madrid, é o escenario elixido para un novo evento previsto no plan de comunicación e promoción que están a desenvolver conxuntamente a DOP Mexillón de Galicia e a DOP Cava financiado con fondos europeos.

A acción realizarase desde hoxe ata o día 6 de abril no Posto 92 do devandito mercado. Trátase dun Pop up store gastronómico que durante esas xornadas converterase nun escaparate no que, ademais de mostrar os produtos de ambas DOP, ofreceranse degustacións de Mexillón de Galicia maridado con distintos tipos de Cava.

Esa exposición constante de ambos selos de calidade durante esta primeira semana de abril verase reforzada o mércores, día 3, cun showcooking dirixido polo cociñeiro Pepe Solla (unha estrela Michelin) e a sumiller María José Huertas ao que foron convidados 15 xornalistas de medios xeneralistas, do sector agroalimentario e do gastronómico.

Solla explicará aos asistentes as virtudes que fan de Mexillón de Galicia un alimento singular e excepcional, cunha presenza cada vez maior nas cartas dos mellores restaurantes. As súas receitas acompañaranse con distintos tipos de Cava, cuxas particularidades describirá María José Huertas.