Mexillón de Galicia transmite unha imaxe de excelencia

28 Marzo, 2024

“A DOP Mexillón de Galicia mantén a súa moi boa saúde de marca, fundamentada na imaxe de produto de orixe certificada, unha calidade garantida, o cumprimento das esixencias hixiénico-sanitarias, a confianza que ofrece e o bo sabor, aspectos que superan o 8 sobre 10. Ademais, reforzou de maneira significativa o seu posicionamento en produto favorito, que ofrece confianza e bo sabor”.

Esta é unha das conclusións recollidas no informe que analiza os resultados do primeiro ano da campaña de promoción e comunicación que están a desenvolver conxuntamente a DOP Mexillón de Galicia e a DOP Cava financiada con fondos europeos e que ten como obxectivo xeral incrementar o seu coñecemento, recoñecemento e competitividade.

O documento estratifica os datos obtidos a través dunha enquisa en distintos apartados. Un deles, denominado “target de calidade”, intégrano persoas que á hora de adquirir produtos alimenticios manifestan unha clara preferencia polas marcas de calidade. Pero non só iso, senón que tamén son relevantes para eles outros valores, como que o método de produción sexa o máis sostible posible e, por tanto, cunha menor pegada ambiental, así como a súa procedencia. Son consumidores que están dispostos a pagar máis por unha cesta da compra conformada por produtos de máis calidade.

Fronte ao resto dos enquisados, os incluídos neste “target de calidade” teñen unha mellor percepción das DOP. “No caso da DOP Mexillón de Galicia alcanza a imaxe de excelencia ao superar a puntuación de 8 sobre 10 nos aspectos analizados”, sinala o informe. Do mesmo xeito, a súa satisfacción cos vídeos emitidos durante o primeiro ano da campaña é superior á media (78,5% fronte ao 66,2%).

 

Presenza en canais estratéxicos

Ao longo de 2023, a DOP Mexillón de Galicia e a DOP Cava tiveron unha notoria presenza nas canles estratéxicas Atresmedia e Pulsa, entre as que destacou o anuncio denominado “Cata a cegas” que tivo como protagonistas a dous embaixadores recoñecidos no sector enogastronómico: o cociñeiro cunha estrela Michelin, Pepe Solla, e a sumiller María José Huertas. Ambos maridaron de maneira singular o Mexillón de Galicia e o Cava, evidenciando tanto a combinación perfecta de ambos como o seu extraordinario valor individual que os fan símbolos de calidade e excelencia.

Os resultados da campaña de publicidade deixaron uns datos moi positivos con máis de 17 millóns de impactos, que se prevé aumentarán durante o seu segundo ano de desenvolvemento.