A Xustiza volve dar a razón a Mexillón de Galicia nun caso de etiquetaxe incorrecta

15 Marzo, 2024

A sección cuarta da Audiencia Provincial da Coruña estimou a demanda interposta polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia contra unha conserveira da Pobra.

A sentenza sinala que o emprego da indicación “Das Rías Galegas” nos envases de conservas de mexillón e na comercialización das mesmas, así como as referencias a Galicia na oferta e venta de mexillóns por parte da demandada, infrinxe por evocación o dereito de exclusiva que a titularidade da denominación de orixe confire e incorre na conduta prohibida prevista no Regulamento (UE) 1151/2012. Por iso, condenou a esa empresa para cesar no uso infractor descrito e a retirar do tráfico económico os produtos, embalaxes, material publicitario ou calquera outro documento comercial da súa propiedade ou baixo o seu control no que se materializou a infracción.

O tribunal explica que o apartado relativo aos mexillóns en conserva que elabora e comercializa a demandada encabézase na súa páxina web co texto: “Só o mexillón galego de Arousa (Mytilus galloprovincialis) que crece nos viveiros propiedade destes conserveiros é o que se utiliza para elaborar as delicatessen da casa”. A Audiencia asegura que “se trata dunha evocación da calidade e o esforzo que a denominación de orixe Mexillón de Galicia ampara en beneficio dos produtores comprometidos con ela e dos consumidores que confían no valor informativo que a denominación protexida encerra”. Por iso, afirma que a empresa demandada incorre na prohibición de evocación do apartado b) do artigo 13.1 do Regulamento (UE) 1151/2012.

A Sala concreta que a conduta infractora é a “consistente en comercializar como mexillóns de Galicia os non amparados pola DOP, aínda cando procedan dun produtor que, como é o caso do demandado, está radicado na mesma zona xeográfica que acouta o Regulamento da DOP”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Este fallo volve apoiar de maneira clara os argumentos que sempre defendeu a DOP respecto á correcta etiquetaxe e que están avalados pola lei.