Comunicado do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia

23 Xaneiro, 2024

En relación á información publicada onte nun xornal en alusión a supostas irregularidades na etiquetaxe de conservas que portan o selo de Mexillón de Galicia, o Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia quere manifestar o seguinte:

O Consello Regulador, no exercicio das súas funcións públicas, sempre defendeu o nome protexido “Mejillón de Galicia/Mexillón de Galicia” fronte ao uso incorrecto no mercado, tanto ante a Administración competente como ante os tribunais.

Esa defensa inequívoca de nosa DOP plasmouse a través de diversas actuacións levadas a cabo polo Consello Regulador, substanciadas en accións xudiciais, denuncias e defendendo a normativa fronte á oposición, mesmo en vía xudicial, de determinados actores que pretendían usar o nome “Galicia” na conserva de mexillón sen utilizar mexillón amparado pola denominación de orixe. Grazas a ese constante labor de supervisión, hoxe en día a situación xurídica é moi clara e favorable aos intereses dos produtores e favorecedora da transparencia no mercado.

O Consello Regulador, como non pode ser doutra forma, segue e seguirá defendendo o nome Mexillón de Galicia e para iso incorporou novos medios destinados a reforzar as garantías ante os consumidores. Froito dese esforzo sostido existen nestes momentos procedementos abertos en defensa do nome protexido que veñen de lonxe e outros que este Consello Regulador se reserva o dereito de abrir, sen que iso implique asumir como veraces certas publicacións.

Todas estas accións poñen de manifesto a solvencia dos sistemas de control do Consello Regulador en todos os ámbitos. En todo caso, por prudencia e obrigado polo deber de confidencialidade, o Consello Regulador debe gardar un escrupuloso silencio ata que devanditos procedementos cheguen ao seu fin.