Mexillón de Galicia reinicia a certificación en fresco

13 Setembro, 2023

A DOP Mexillón de Galicia reinicia hoxe a certificación en porto para o mexillón fresco, o indicativo de que o bivalvo alcanza a calidade esixible para poder ser certificado co noso selo, garantindo dese modo que se atopa nun momento óptimo para o seu consumo.

A produción do mellor mexillón do mundo, o Mexillón de Galicia, está vinculada a un proceso totalmente natural que se desenvolve nas augas das nosas rías coa chegada dos nutrientes dos que se alimenta o bivalvo e que todos os anos repítese, aínda que non sempre se produce na mesma época e coa mesma intensidade, por iso é polo que o inicio da certificación en fresco teña que ver con esa variabilidade que está presente no comportamento da Natureza.

Mexillón de Galicia é un alimento único, dunha calidade superior ratificada polos rigorosos controis que se realizan ao longo do seu período de cría. E a etiqueta que porta é o distintivo que certifica ese rango e esa autenticidade. De aí a necesidade de respectar os ditados deses factores naturais que son os que confiren a Mexillón de Galicia unha identidade única.

O noso selo avala ante os consumidores que están ante un alimento cento por cento galego, de extraordinario sabor e cunhas calidades nutritivas que o converten en imprescindible nunha dieta sa e equilibrada. Ademais, é aconsellable para calquera idade e ofrece unha gran versatilidade na cociña.

Portar esa etiqueta é o último elo dun proceso rigoroso de control que se inicia coa obtención da semente nas rochas do litoral, continúa na propia batea e segue no momento da súa descarga en porto. Esa supervisión tamén se leva a cabo nos centros de depuración, transformación así como nos puntos de venda. Por iso, o Consello Regulador considera esta tarefa de especial relevancia de entre todas as funcións desempeñadas porque proporciona fiabilidade ante os consumidores, que teñen así a certeza de adquirir o mexillón coas características distintivas de calidade e orixe que só proporciona a nosa marca.