Mexillón de Galicia reinicia a certificación en fresco

12 Setembro, 2022

A DOP Mexillón de Galicia reiniciou hoxe a certificación en porto para o mexillón fresco. Isto significa que o bivalvo alcanzou a calidade esixible para ser certificado co noso selo e garantir que está nun momento óptimo para o seu consumo.

Con este paso culmínase un proceso de produción totalmente natural, alleo a calquera achega externa e ligado a uns ciclos que ano tras ano se repiten nas augas das nosas rías e que resultan fundamentais para a obtención do mellor mexillón do mundo, o Mexillón de Galicia.

Mexillón de Galicia é un alimento único, dunha calidade superior avalada polos rigorosos controis que se realizan ao longo do seu período de cría. E a etiqueta que porta é o distintivo que certifica ese rango e esa autenticidade.

O noso selo avala ante os consumidores que se atopan ante un alimento cento por cento galego, de extraordinario sabor e cunhas cualidades nutritivas que o converten en imprescindible nunha dieta sa e equilibrada. Ademais, é aconsellable para calquera idade e ofrece unha gran versatilidade na cociña.

Portar esa etiqueta é o último elo dun proceso rigoroso de control que se inicia coa obtención da semente nas rochas do litoral, continúa na propia batea e segue no momento da súa descarga en porto. Esa supervisión tamén se leva a cabo nos centros de depuración, transformación así como nos puntos de venta. Por iso, o Consello Regulador considera esta tarefa de especial relevancia de entre todas as funcións desempeñadas porque proporciona fiabilidade ante os consumidores, que teñen así a certeza de adquirir o mexillón coas características distintivas de calidade e orixe que só achega a nosa marca.