Santiago acolle o luns o “I Salón Mexillón de Galicia”

1 Xullo, 2022

O luns, 4 de xullo, o Hostal dos Reyes Católicos de Santiago acolle o “I Salón Mexillón de Galicia”. Trátase dunha nova iniciativa destinada á promoción e mellora da comercialización do mexillón certificado pola DOP e que se recolle no convenio asinado no mes de xaneiro polo Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia e a Consellería do Mar.
Esta acción está claramente enfocada cara ás compañías amparadas polo selo de Mexillón de Galicia, ás que se lles proporciona unha oportunidade de presentar os seus produtos elaborados co mellor mexillón do mundo ante un público profesional (distribución, canle Horeca, restauración, elaborados, centros de formación…) e nun marco único como é o Hostal. As empresas conseguen así unha maior visibilidade da súa oferta certificada polo noso selo de calidade facilitando unha maior penetración no mercado e incrementando a súa demanda. Igualmente, citas como a de Santiago contribúen a aumentar o coñecemento e recoñecemento de Mexillón de Galicia e, en consecuencia, a incrementar o seu valor no mercado.
Ademais de coñecer a oferta das distintas compañías participantes, os asistentes terán a oportunidade de degustar os produtos expostos, que serán preparados no momento polo equipo de cociña do Parador.
Este Salón é un paso máis na intensa tarefa de promoción que está a desenvolver Mexillón de Galicia e que responde aos obxectivos establecidos e aprobados polo Pleno do Consello Regulador. A xornada desenvolverase entre as 10 e as 14,30 horas. A intervención das autoridades comezará ás 10,15.
Ademais do presidente do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, Mané Calvo, asistirán Antonio Basanta Fernández, Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación tecnolóxica.