Mané Calvo asegura que “o camiño é que todo o sector estea na DOP”

8 Abril, 2022

“O camiño a seguir é que todo o sector estea na DOP Mexillón de Galicia. Non ten sentido estar fóra”. Así expresou Mané Calvo cales son as súas intencións como presidente do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, cargo para o que foi elixido polo Pleno o pasado 23 de marzo.
“O meu soño é que cando eu finalice o meu mandato poida dicir que o sector está unido ao cento por cento”, engadiu. Para conseguilo, apelou á necesidade de ir todos na mesma dirección e lograr consensos aínda que poidan existir diferenzas. “É lóxico que poida haber diferenzas nun sector como o noso pero é evidente que xuntos somos mellores. Esa mensaxe unitaria é a que debemos trasladar á sociedade”.
Calvo expresou o orgullo que lle produce ser presidente da DOP. “Aceptei porque mo pediron. Ademais, eu sempre fun un defensor do selo e estiven moi implicado no seu desenvolvemento. Tómome este reto como un servizo á miña terra e para facer máis forte un produto que representa a Galicia como ningún outro”.
A liña de traballo a seguir será a marcada polo actual pleno. “Non veño facer grandes revolucións. Hai un plan trazado sobre o que houbo un consenso. Pódese facer algún cambio, pero sempre para aglutinar e reforzar a DOP”, advertiu.
Entre os obxectivos establecidos para este mandato lembrou o fortalecemento do noso selo para incrementar aínda máis o seu prestixio, unha tarefa na que serán cruciais as campañas de promoción. O recente convenio coa Consellería do Mar destinarase a esta tarefa, así como os fondos dos programas europeos solicitados.
Igualmente a defensa rigorosa da correcta etiquetaxe. “Temos que convencer aos consumidores e aos sectores que integran a cadea de valor da vantaxe que representa o noso selo, desde o punto de vista da calidade, a seguridade e da orixe, pero tamén desde un perspectiva medioambietal, pola escasa pegada de carbono do cultivo, e polo favorable impacto económico que ten para moitas familias e empresas ligadas ao noso sector”.
A defensa do dereito para colleitar a mexilla é outro dos puntos relevantes deste plan de traballo. “Resulta imprescindible que os produtores poidan colleitar a semente, porque é insubstituíble para a obtención do mexillón”, indicou Calvo, xa que, pola contra, se podería comprometer o futuro de toda a cadea de valor ligada ao mexillón. Por iso, apelou ás institucións con competencias para ditar as normas que regulan a extracción da semente a que sexan sensibles ás demandas do sector.
Outro apartado substancial para Mexillón de Galicia ocúpao a I+D+i. “Necesitamos saber máis dos problemas que afectan o mexillón nos distintos elos da cadea produtiva para mellorar a calidade do produto final e satisfacer plenamente ao consumidor. Por iso, potenciarase o traballo que xa está a facer o noso departamento de I+D+i”, avanzou o presidente.