Convenio coa Consellería do Mar

10 Xaneiro, 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, Lina Solla, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a promoción e mellora da comercialización do Mexillón de Galicia co obxectivo de impulsar o seu recoñecemento entre os consumidores e favorecer o aumento da demanda e dos prezos deste molusco.
Entre as accións previstas no acordo inclúense actividades de promoción do mexillón para dar a coñecer os formatos nos que se pode atopar (fresco, en conserva, cocido, conxelado ou pasteurizado, entre outros) e os beneficios que ten o seu consumo.
Outras iniciativas buscan robustecer o proceso de certificación da DOP Mexillón de Galicia coa mellora do software que garante a trazabilidade dos produtos, as súas características e a súa certificación co selo DOP Mexillón de Galicia.
O convenio tamén atende á necesidade de promocionar o produto entre a cidadanía mediante degustacións nas prazas de abastos das cidades galegas, en eventos deportivos fóra da comunidade e en recintos deportivos ao aire libre. Ao mesmo tempo, o Consello Regulador realizará actuacións para dar a coñecer a entidade e difundir a súa imaxe entre o sector e o conxunto da sociedade para que sexa unha marca recoñecida e asociable directamente á produción de mexillón en Galicia. Neste sentido, o acordo incide na importancia de difundir o labor do Consello Regulador e as garantías que ofrece a certificación da DOP tanto entre os consumidores como entre posibles compradores.
Este tipo de colaboracións contribúen a impulsar o sector e a mellorar a produción e os resultados dos produtores especialmente nun momento no que a actividade se ve condicionada en boa medida pola alerta sanitaria pola covid-19, como xa ocorreu nos dous anos anteriores. Por iso, o convenio pretende impulsar a promoción do mexillón certificado para que aumente a súa presenza nos mercados e consiga mellores prezos.
Este acordo vai estar vixente ata o 30 de decembro deste ano e ten un importe de 298.000 euros.