A DOP estará presente en Conxemar

4 Outubro, 2021

Tras un ano sen poder celebrarse como consecuencia da pandemia, Conxemar volverá converter a Vigo durante os días 5, 6 e 7 deste mes de outubro en punto de encontro do sector do mar de todo o mundo.
A este escenario acudirá de novo a DOP Mexillón de Galicia. Conxemar é unha gran oportunidade para mostrar ante un público profesional e internacional os valores que converteron a Mexillón de Galicia nun selo de referencia no mercado, que garante a orixe galega do mexillón e unha calidade superior, atributos que achegan un valor engadido ao que o consumidor non quere renunciar e tampouco as empresas que comercializan mexillón co noso distintivo.
Os visitantes que pasen durante estes tres días polo expositor da DOP poderán coñecer as particularidades que fan de Mexillón de Galicia un alimento único (unha produción totalmente natural, a riqueza en nutrientes das rías galegas, os controis de calidade aos que está sometido…). Igualmente informaráselles das súas extraordinarias cualidades nutricionais e como identificalo sen posibilidade de erro entre as diferentes ofertas do mercado, grazas ao seu inconfundible distintivo. Tamén estarán ao dispor dos profesionais os diferentes formatos comerciais dos mexillóns amparados polo noso selo de calidade.
Participar en Conxemar ofrece ademais a oportunidade de captar novas compañías que teñan interese en acreditarse para comercializar Mexillón de Galicia. Igualmente, estableceranse contactos con empresas de distribución alimentaria para ofrecerlle a adquisición do noso produto. De aí sairá unha relación que se entregará ás empresas certificadas para que continúen o labor comercial de acordo coas súas estratexias.
A foto corresponde ao stand de 2019.