Comunicado dos Consellos Reguladores das DOP Arzúa-Ulloa, Mexillón de Galicia e QueixoTetilla e Consellos Reguladores das IXP de Carne de Vacún de Galicia e Castaña de Galicia sobre o sistema de etiquetaxe Nutriscore
Orixe, Calidade, Tradición. Estes tres conceptos son os atributos que mellor definen a personalidade dos alimentos amparados polas Denominacións de Orixe Protexidas e Indicacións Xeográficas Protexidas. Igualmente, estes “carnés de identidade” simbolizan e ratifican como ningunha outra insignia o valor do que é único, diferente, excepcional.
O ano que vén podería ser obrigatoria a implantación do sistema de etiquetaxe de alimentos Nutriscore, cuxa forma de visualización se asemella a un semáforo que pretende proporcionar información sobre o perfil nutricional dos produtos.
Ese mecanismo xurde como intento de resposta a un síntoma crecente sobre o que os expertos levan tempo alertando: os modelos actuais de alimentación poden xerar enfermidades como a hipertensión, a hipercolesterolemia ou a obesidade que se estenderon entre a poboación coas negativas consecuencias que carrexan, tanto en termos de saúde como económicos. Buscando evitar esa tendencia, o devandito sistema pretende achegar información á poboación co obxectivo de propiciar un consumo máis saudable. Con todo, Nutriscore está a xerar un profundo rexeitamento entre relevantes actores do sector agroalimentario español pero tamén entre profesionais nutricionistas do noso país e mesmo noutros países europeos, xa que se viu que pode inducir a erros interpretativos por parte do consumidor, chegando a clasificar como non saudables a alimentos amplamente recoñecidos como tales e que forman parte do noso patrimonio gastronómico.
Fronte a esta realidade, os alimentos amparados polas DOP e as IXP representan o antídoto para prescribir. E por que é así? Porque sintetizan a mellor tradición alimentaria contrastada pola práctica inmemorial e ligada, no noso caso, a un lugar, Galicia, cuxa despensa acredita xusta fama e prestixio. Ademais de achegar información veraz e contrastable sobre a orixe e a calidade destes produtos. Por tanto, estes alimentos que conxugan orixe, calidade e tradición, eríxense como parte fundamental dunha dieta sa, variada e equilibrada, afastada das doenzas vinculadas á “nova alimentación”.
O consumidor, cada vez máis informado e preocupado polo que incorpora á súa cesta da compra, mostra unha crecente preferencia por produtos con DOP ou IXP. Así o acredita o informe “Hábitos de alimentación 2019” da Unión de Consumidores de Galicia, onde se constata un aumento do 12,81% na demanda de alimentos amparados por insignias de calidade, en consonancia coas tendencias plasmadas en informes precedentes. Estes alimentos de orixe, calidade e tradición son referentes e forman parte da denominada Dieta Atlántica, “un modelo de dieta saudable” como describen os científicos que integran a Fundación Dieta Atlántica da Universidade de Santiago de Compostela.
Os selos de calidade son, por tanto, unha solución considerablemente máis adecuada que Nutriscore se do que se trata é de solucionar os problemas antes referidos. Uns distintivos que as institucións europeas trataron de potenciar como identificadores de alimentos cunhas bondades intrínsecas que forman parte da nosa dieta tradicional, e que ademais aseguran unha remuneración xusta para os seus produtores. Mentres que Nutriscore funciona cun algoritmo pensado e aplicable a outra tipoloxía de alimentos.
Desde o noso punto de vista, Nutriscore non demostrou ser un sistema capaz de transmitir ao consumidor as verdadeiras propiedades nutricionais dun produto de maneira totalmente fiable. Casos como o do aceite de oliva evidencian as súas deficiencias á hora de proporcionar unha información en consonancia cos atributos de excelencia que representan os alimentos amparados por selos de calidade.
En consecuencia, queremos mostrar a nosa preocupación pola présa na implementación da metodoloxía que non deixa de ser unha máis entre as posibles xa existentes, e que ademais xa conta no seu haber con erros desmesurados, como se tivo denunciado nas últimas semanas. Por todo isto esperamos que o Goberno recapacite e poña en suspenso a implantación da etiquetaxe Nutriscore mentres se solucionan as deficiencias detectadas.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.