Mexillón de Galicia esixe que se respecte o acceso dos produtores á mexilla

8 Maio, 2020

Nos últimos días, produtores de mexillón que están a realizar labores de captura de mexilla (cría de mexillón) no litoral estanse vendo acosados no acceso ás pedras intermareais onde se fixa a cría. E iso a pesar de que contan coa correspondente autorización administrativa emitida pola Consellería do Mar e que lle asiste o dereito histórico de acceso á cría. Ademais, o seu traballo é moi respectuoso co entorno no que se desenvolve.

Ao longo de toda a costa véñense repetindo estas actitudes protagonizadas por incontrolados que non so increpan e ameazan aos produtores de mexillón, senón que tamén levan a cabo actuacións que supoñen un deterioro dos bens públicos, como atravesar árbores en camiños ou facer foxos para impedir a circulación de vehículos.

O Consello Regulador do Mexillón de Galicia non está nas mesas de negociación do sector produtor establecidas pola Consellería do Mar (Consello Galego de Pesca ou a Comisión do Mexillón). Sen embargo, entende que a Administración non pode permanecer impasible ante esa situación.

Por tanto, esíxelle que faga respectar o dereito recoñecido legalmente de acceso á mexilla aos produtores como garantía de que a cadea de subministro alimentario non entre en colapso. Igualmente é preciso que paralice inmediatamente a escalada destas graves condutas que poden ocasionar danos ás persoas, permitindo así a convivencia dos distintos sectores na obtención dos seus recursos.