Unha DOP reforzada acode a Conxemar

30 Setembro, 2019

A DOP Mexillón de Galicia volve á feira Conxemar, que se celebra en Vigo os días 1, 2 e 3 de outubro. Trátase dunha cita moi relevante para a DOP, xa que este encontro empresarial convocou na pasada edición a 740 compañías de 48 países e atraeu a máis de 31.000 visitantes.
É por tanto un escenario idóneo para Mexillón de Galicia, unha marca que segue gañando adeptos como o demostran as máis de cen marcas autorizadas para operar co noso distintivo ou as máis de 400 referencias de envases que se poden atopar no mercado co selo de calidade DOP. Pero hai máis razóns para o optimismo, posto que a empresa Inditex decidiu incorporar Mexillón de Galicia aos menús que ofrece aos seus traballadores nos comedores de Arteixo e Narón.
Neste contexto, Conxemar contribuirá a reforzar aínda máis a nosa sólida imaxe de marca e o noso recoñecido prestixio no ámbito da industria do mar. É unha gran oportunidade para mostrar ante un público profesional e internacional os motivos que converteron a Mexillón de Galicia nun selo de referencia no mercado, que garante a orixe galega do mexillón e unha calidade superior, atributos que achegan un valor engadido ao que o consumidor non quere renunciar e tampouco as empresas que comercializan mexillón co noso distintivo.
Os visitantes que pasen durante estes tres días polo expositor da DOP poderán coñecer as particularidades que fan de Mexillón de Galicia un alimento único (unha produción totalmente natural, a riqueza en nutrientes das rías galegas, os controis de calidade aos que está sometido). Igualmente informaráselles das súas extraordinarias cualidades nutricionais e como identificalo sen posibilidade de erro entre as diferentes ofertas do mercado, grazas ao seu inconfundible distintivo. Tamén estarán a disposición dos profesionais os diferentes formatos comerciais dos mexillóns amparados polo noso selo de calidade.
Para a cita deste ano, Mexillón de Galicia previu ademais dúas degustacións, unha o día 2, a partir das 12 horas, e outra o día 3, ás 13 horas. Paco Pajares, do restaurante Mezclum de Vilagarcía, será o autor das tres receitas que se van a presentar: “Mexillón de Galicia ao natural en sopa de mar e alga huakame”; “Mexillón de Galicia sobre mezclum, cebola frita e salsa de yuzu” e “Mexillón de Galicia ao natural con picada de encurtidos e salsa brava”.
Participar en Conxemar ofrece ademais a oportunidade de captar novas compañías que teñan interese en acreditarse para comercializar Mexillón de Galicia. Igualmente, estableceranse contactos con empresas de distribución alimentaria para ofrecerlle a adquisición do noso produto. De aí sairá unha relación que se entregará ás empresas certificadas para que continúen o labor comercial de acordo coas súas estratexias.