Un novo paso a favor da DOP para lograr unha etiquetaxe correcta

25 Maio, 2019

O Tribunal Superior de Xusticia de Galicia desestimou o recurso interposto por Anfaco contra a instrución conxunta emitida en maio de 2018 polas consellerías de Mar, Medio Rural e Economía e Industria (e trasladada a través do Instituto Galego de Consumo) pola que se instaba aos operadores do sector do mexillón a que retirasen das súas etiquetas calquera alusión a Galicia ou que puidese evocar a Mexillón de Galicia cando o ingrediente non estivese amparado pola DOP. A alternativa que se lle ofrecía a quen non quixesen cambiar esas identificacións era a de utilizar mexillón certificado pola DOP. Ademais, establecíase o prazo dun ano para que as empresas regularizasen a situación das etiquetas, conforme á instrución.
Respondíase así ás continuas demandas de Mexillón de Galicia para que se cumprise a lei, peticións que foron referendadas pola resolución da Audiencia de Pontevedra 41/2016 que sinalaba que a utilización das as expresións “Das rías galegas”, ou “envasado en Galicia” en mexillóns en conserva comercializados por empresas que non pertenzan á DOP supón unha infracción da normativa de protección das DOPs.
Anfaco presentou o 24 de outubro de 2018 un recurso ante Consumo no que solicitaba a revogación da instrución, así como a suspensión dos requirimentos realizados ás empresas para que adaptasen as súas etiquetas á normativa ou que, alternativamente, utilizasen produto amparado pola DOP. Ese recurso foi rexeitado por Consumo, o que levou a Anfaco a acudir ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O TSXG denegou a petición de Anfaco de suspensión da instrución. No auto do TSXG explícase que o prazo dun ano dado pola Xunta para modificar a etiquetaxe foi suficiente para evitar un prexuízo ás empresas, tal e como expoñían os recorrentes. E vai máis aló ao considerar que suspender a instrución podería causar prexuízos aos consumidores, xa que se poderían resentir as garantías que aseguran que a etiqueta dun produto correspóndese coas características do mesmo. Nese sentido, considérase que o interese xeral inherente á protección que garanten as DOPs prevalece sobre o interese das empresas para manter a situación actual na etiquetaxe. É de esperar que na campaña que se vai a iniciar, o mexillón transformado que salga ao mercado fágao etiquetado de forma correcta.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia presentou un escrito ante o TSXG no que se opoñía á suspensión solicitada por Anfaco. E fíxoo con argumentos contundentes: “Quen formula tal obxección (Anfaco) é unha parte que demostrou de maneira constante a súa oposición á DOP Mexillón de Galicia e á extensión ou ampliación do seu ámbito de aplicación, polo que non parece coherente que quen se opón ao incremento da porcentaxe de produto certificado pola DOP, alegue agora que esa porcentaxe é insuficiente para atender a demanda dos operadores interesados”.
A Xunta sostén que se todos os operadores interesados se incorporasen ao Consello Regulador desaparecería o problema que Anfaco alega. E lémbralle que as consecuencias da decisión “voluntaria e libre” das empresas de non incorporarse á DOP, non pode impedir a aplicación da interpretación da sentenza da Audiencia de Pontevedra.
Mexillón de Galicia cre que estas resolucións xudiciais poñen en evidencia as teses defendidas por Juan Vieites e fai un chamamento ás empresas que aínda non están inscritas no Consello Regulador para que se unan ao proxecto da DOP e contribúan así a configurar un sector máis forte, sólido e próspero.