“Mexillón de Galicia, un mar de posibilidades” foi o título do relatorio presentado hoxe pola responsable de Promoción e márketing da DOP Mexillón de Galicia, Gabriela André Rivas, no marco dunha xornada de traballo organizada por Opmega, dedicada a “Innovación e valorización do Mexillón de Galicia”.
A nosa compañeira analizou as razóns que fan de Mexillón de Galicia un alimento único. Eses activos teñen que ver coa riqueza en fitoplancto das rías nas que se cría e coa súa condición de cultivo natural e sustentable. Tamén co seu valor culinario, que se traduce en multitude de formatos e presentacións comerciais, por unha banda, e nunha versatilidade na cociña que moi poucos alimentos poden exhibir, por outra. Ademais, Mexillón de Galicia é un compendio de sabor e textura únicos, e as súas achegas en proteínas, vitaminas e omega 3 son sobresalientes.
Ese valor trasládase igualmente á súa condición de marca, a única que garante ao consumidor a orixe cento por cento galega e unha calidade superior do mexillón que adquire no mercado. “Mexillón de Galicia proporciona garantía e autenticidade. E todos eses valores obxectivos descritos son os que fan del un bocado extraordinario, capaz de producir pracer ou felicidade a quen o consome”, subliñou André.
A promoción que a DOP leva a cabo deste bivalvo (que Uxío Labarta, outro dos intervenientes nestas xornadas, cualificou como “o gran produto galego”) susténtase en varios alicerces que detallou a responsable de Promoción: presenza en feiras nacionais e internacionais, accións de índole cultural como a edición dun libro e unha exposición fotográfica, colaboracións con cociñeiros de renome, algúns deles con estrela Michelín, así como relación con escolas de hostalería que permiten aos futuros profesionais da cociña entrar en contacto con Mexillón de Galicia.
A relatora detallou o proxecto recentemente desenvolto coa Escola de Hostalería Carlos Oroza de Pontevedra, que incluíu diversas accións encamiñadas a que os alumnos coñecesen en profundidade as características e os valores nutricionais de Mexillón de Galicia como paso previo á súa elaboración na cociña.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.