Degustar Mexillón de Galicia a pé de rúa

18 Febreiro, 2019

Mexillón de Galicia e a escola de hostalería Carlos Oroza de Pontevedra volven unirse nunha acción destinada a fomentar o consumo do mellor mexillón do mundo. Pero este proxecto vai máis aló porque os responsables do centro formativo quixeron que a súa formulación e posterior implementación formasen parte do programa lectivo que deben cursar os alumnos.

En novembro e decembro de 2018, a DOP e a escola xa colaboraron no proxecto “Mexillón de Galicia, un mar de posibilidades”, encamiñado a achegar información de primeira man aos futuros profesionais da hostalería sobre as cualidades dun alimento extraordinario como é Mexillón de Galicia e descubrir a súa enorme versatilidade. Pero tamén obrigaba aos alumnos a documentarse sobre o alimento que ían cociñar e a idear un plan para promocionalo.

Esta nova iniciativa, que forma parte do proxecto que desenvolve o Carlos Oroza denominado “ PonteVan: a formación profesional na rúa”, ten algunhas particularidades. A principal é a utilización dun food truck, no que se elaborarán as preparacións que se ofrecerán aos cidadáns. O vehículo estará situado mañá martes, día 19, xunto á praza de abastos de Vilagarcía entre as 11 e as 12,30 horas.

Da súa cociña sairán tres receitas: “Paté de Mexillón de Galicia”, “Mexillón de Galicia con salsa de mostaza”, e “Mexillón de Galicia con cilantro e lima”. Todas foron ideadas para consumir de pé polos asistentes.

Outro dos fins desta colaboración conxunta é a de promover unha alimentación saudable realizada a base de produtos galegos de calidade, como o que representa Mexillón de Galicia.