Mexillón de Galicia alcanza os mellores resultados da súa historia con 54 millóns de quilos certificados en 2018

17 Xaneiro, 2019

O ano recentemente terminado resultou moi bo para Mexillón de Galicia. O exercicio de 2018 péchase cos mellores resultados da historia da DOP en canto a produto certificado: nada menos que 54 millóns de quilos entre os destinados ao mercado de fresco e os que acaban na industria transformadora. Esa cantidade supera en 11,5 millóns os rexistros de 2017, e equivale a unha mellora do 27%.

Outro apartado fundamental para Mexillón de Galicia, o referido aos controis de calidade (labor de enorme importancia para garantir a calidade e a orixe cento por cento galego do mexillón que chega ao consumidor), achega díxitos igualmente moi satisfactorios, xa que durante 2018 realizáronse un total de 7.149, é dicir, 1.419 máis que en exercicio precedente (no que se efectuaron 5.730).

A pouca incidencia das mareas vermellas permitiu completar unha magnífica campaña, na que se obtivo un mexillón de excelente calidade e cun alto rendemento, que situouse nun 21% de media.

Fresco

Da cifra total referida, o volume de mexillón con DOP destinado ao mercado de fresco alcanzou os 9 millóns quilos, unha cifra que supera nun 58% á de 2017 (5.728.000 quilos). Ese ascenso constátase igualmente no número de controis que se realizaron, 3.540, fronte aos 2.398 do ano anterior, o que representa un 48% máis.

Transformación

No que concierne á transformación, o total certificado sitúase en 45 millóns de quilos, fronte aos 36.760.000 quilos do ano precedente (un 22% máis). Tamén aquí o número de controis aumentou, concretamente un 8%, ata chegar aos 3.609.

Un proceso rigoroso

Este sistema de supervisión establecido por Mexillón de Galicia basea a súa solvencia en que todas as operacións entre produtores e comercializadores son verificadas con independencia e rigorosidade de forma que cada partida de mexillón que se descarga é sometida a un control de calidade.

O Consello Regulador conta cos medios humanos e técnicos necesarios nos 16 portos autorizados para a descarga do mexillón na costa galega. Un traballo que se complementa coas accións realizadas por Bureau Veritas, a empresa de certificación na que o Consello Regulador delega a realización das auditorías. Un proceso rigoroso como non podía ser doutra maneira para garantir a calidade e autenticidade que representa o noso selo.

Todo iso supón que a DOP ten a estrutura de verificación más exhaustiva da rede de controis da cadea alimentaria.

Rexistro de empresas e marcas

Respecto ao censo de marcas e empresas certificadas que operan co selo de Mexillón de Galicia, alcanzou en 2018 as 89, fronte ás 73 de 2017. Dese total, 21 son depuradores, 30 transformadores e 38 son marcas que comercializan mexillón certificado pola DOP. Esas empresas teñen no mercado máis de 350 presentacións de produto nas que aparece o selo de Mexillón de Galicia.

Ese incremento constante de adhesións ao noso rexistro explícase pola propia razón de ser da DOP. Mexillón de Galicia achega un valor engadido ligado á calidade superior e á orixe cento por cento galego do produto que certifica. Unha diferenciación á que as empresas non están dispostas a renunciar porque se converte nun activo moi valioso á hora de competir nun mercado integrado por consumidores cada vez máis informados e esixentes que buscan precisamente esa diferenciación. Nese escenario, o noso selo confire unha vantaxe competitiva moi clara ao ofrecer eses valores tan demandados: calidade e orixe.

Crecemento sobre bases sólidas

Se 2017 foi o ano da consolidación da DOP, o exercicio recentemente finalizado ratificou que as bases sobre as que se fundamentou a consolidación do noso selo eran sólidas e adecuadas. Ao longo de 2019, Mexillón de Galicia prevé incrementar esa senda de crecemento en termos de certificación e de incorporación de novos operadores.

A loita permanente contra a fraude na etiquetaxe, a modificación do prego de condicións da DOP, a elaboración dun novo Regulamento (en tramitación), así como o proceso de regularización de operadores que permitiu que na actualidade máis do 60% das bateas de Galicia estean amparadas por Mexillón de Galicia, constitúen a base desta nova realidade.

A DOP, garantía para o consumidor

A DOP Mexillón de Galicia goza do amparo da Política de Calidade Alimentaria da UE, que ten como un dos seus obxectivo satisfacer o incremento de demanda de produtos alimentarios de alta calidade con características debidas á contorna xeográfica no que se producen, transforman e elaboran.

Ademais, as DOPs intégranse tamén dentro da Política da UE de Desenvolvemento Rural, xa que xeran actividade económica e emprego no rural e nas zonas costeiras nas que asintan poboación, propiciando o seu desenvolvemento socioeconómico. Por esta razón é a UE a que regula tanto a protección como a responsabilidade destas figuras de calidade, de maneira que a normativa europea esixe controis de calidade estritos e garantías para a satisfacción dos consumidores. Esta é unha das características que fan que Mexillón de Galicia teña prestixio e obteña o recoñecemento de consumidores e operadores alimentarios.

Importacións

E neste contexto de prestixio do Mexillón de Galicia é onde irrompen as importacións, téndose constatado que as importacións españolas de mexillón transformado ascenderon en 2017 a un total de 15.921 toneladas (un 18% máis que no 2016, no que se importaron 13.488).

Así mesmo, Chile é o principal país de procedencia, con unha contía de 14.997 toneladas de chorito en 2017 (o 94.4% do total de importacións de 2017) que supera ás 11.854 de 2016 (o 87.8% do total de mexillón transformado importado nese ano). Nos últimos 15 anos constátase a tendencia crecente das importacións de chorito, téndose incrementado nun 350%.