Un show-cooking pecha mañán no Carlos Oroza o proxecto “Mexillón de Galicia, un mar de posibilidades”

13 Decembro, 2018

O proxecto “Mexillón de Galicia, un mar de posibilidades”, desenvolvido conxuntamente pola Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia e a Escola de Hostalería Carlos Oroza de Pontevedra durante os meses de novembro e decembro remata mañán.

O peche desta iniciativa consistirá nun show-cooking elaborado polos alumnos de 2º de Dirección de Cociña do Carlos Oroza e integrado por “Mexillón de Galicia tigre ao curry” e “Mexillón de Galicia con vinagreta de cítricos” (realizados con mexillón fresco). A continuación será a quenda para “Mexillón de Galicia en escabeche sobre pataca confeitada” e “Crema de Mexillón de Galicia” (para os que se recorrerá a mexillón en conserva). O último bocado o integran “Mexillón de Galicia Bloody Mary” e “Empanada de Mexillón de Galicia e algas”. A cita é na aula de I+D do centro pontevedrés, a partir das 12 horas.

“Mexillón de Galicia, un mar de posibilidades” pretendeu achegar información de primeira man aos futuros profesionais da hostalería sobre as cualidades nutricionais dun alimento extraordinario como é Mexillón de Galicia, así como descubrir a enorme versatilidade culinaria que ofrece en calquera das distintas modalidades presentes no mercado o que, sen dúbida, é o representante máis significado da despensa mariña de Galicia. Pero había máis, porque, á hora de plantexar esta colaboración, os docentes do Carlos Oroza quixeron que formase parte do programa lectivo que deben completar os alumnos, de maneira que, non só tivesen que documentarse sobre o produto que terían que cociñar, senón que deberían deseñar un plan para promocionalo.

Por suposto, tamén se quixo animar ao consumo deste bivalvo ante a proximidade das datas do Nadal, un período no que Mexillón de Galicia atópase nun momento óptimo.

Con anterioridade a este show-cooking, celebrouse outro o 16 novembro. Unha semana despois, o 23 de novembro, os alumnos elaboraron un menú completo a base de Mexillón de Galicia que serviron posteriormente no restaurante Alvaro Cunqueiro do centro.