A DOP pide que se inclúa no FEMP 2021/2027 o apoio aos produtos de calidade

11 Outubro, 2018

A Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia solicitou en Bruxelas a inclusión no informe sobre o Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP) 2021-2027, que se está negociando na actualidade, dun apartado no que se recoñeza explicitamente o apoio aos produtos acollidos ao Regulamento 1151/2012. Esa manifestación de respaldo non aparece recollida nas propostas lexislativas da Comisión Europea relativas á política pesqueira e Mexillón de Galicia considera da máxima importancia que si se inclúa.

Así o indicou Alfonso Alcaide, en representación da DOP Mexillón de Galicia, durante a visita de traballo que realizou esta semana á capital comunitaria xunto a outros representantes do sector do mar de Galicia, convidados pola eurodeputada do BNG Ana Miranda.

Alcaide trasladou a Gabriel Mato, membro da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo e relator encargado de elaborar o informe sobre os fondos FEMP 2021-2027, que o Regulamento 1151/2012 sobre réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios ten, entre os seus obxectivos, asegurar aos produtores unha remuneración xusta, garantindo a propiedade intelectual e defensa das súas denominacións, así como proporcionar aos consumidores produtos de calidade diferenciada e información veraz sobre os mesmos.

De aí a relevancia de incorporar no informe dos fondos FEMP un apartado no que se plasme claramente ese apoio aos produtos incluídos no mencionado regulamento. Alcaide achegou ao seu interlocutor un documento no que se especifica que ese respaldo debe concretarse a través dunha serie de accións como o impulso ao recoñecemento e rexistro de Indicacións Xeográficas de calidade; o apoio ás entidades de xestión das DOP, como o Consello Regulador de Mexillón de Galicia, e as IGP nas tarefas de promoción e difusión de información ao mercado dos produtos de calidade que amparan. Igualmente debe ser alentada a investigación que realicen as entidades de xestión destinada a un mellor coñecemento do medio de produción específico, dos procesos e dos produtos para trasladar as súas melloras a cidadáns e consumidores.

Gabriel Mato comprometeuse a estudar a proposta porque, na súa opinión, “ten todas as condicións para mellorar o documento final”.

Axudas

Unha segunda reivindicación de Mexillón de Galicia centrouse no apartado de investimentos produtivos para acuicultura, transformación e elaboración. A proposta do documento FEMP 2021-2027 establece que as axudas só se poden recibir a través de instrumentos financeiros. Fronte a isto, o representante do Consello Regulador solicitou que esas subvencións sexan consideradas como unha forma de axuda preferentemente para pequenas e medianas empresas, xa que, na cadea produtiva do mexillón, está demostrada a súa eficiencia para dinamizar as áreas costeiras grazas á distribución de actividades entre empresas de distinta natureza. E todo iso redunda en beneficio de miles de familias.