A campaña de comunicación en medios dixitais reforza a imaxe da DOP

1 Marzo, 2018

Consolidar a competitividade da DOP, potenciar a marca Mexillón de Galicia tanto no seu ámbito máis próximo como en todo o Estado, e comunicar as vantaxes que, en termos de valor engadido, representa pertencer á DOP constituían os tres principais obxectivos da campaña de comunicación que a DOP desenvolveu entre os meses de outubro e febreiro en medios dixitais de toda España.

O proxecto que a amparou, “Promoción innovadora do Mexillón de Galicia a través dos medios dixitais”, contou cunha dotación económica de 65.000 euros provenientes dunha axuda solicitada ao GALP, aprobada pola Consellería do Mar e financiada con fondos europeos. Desa cantidade, nesta anualidade de 2018 empregáronse 18.750 euros ata alcanzar a totalidade do orzamento.

Para levala a cabo contouse co concurso de Idea, unha empresa galega con ampla experiencia neste ámbito, que deseñou uns contidos innovadores, sorprendentes, pero tamén moi clarificadores para que á audiencia non lle quedasen dúbidas sobre o significado e alcance da marca Mexillón de Galicia e a diferenza de calidade que representa elixila fronte a outras ofertas do mercado.

Neste contexto, o selo da DOP adquiriu un protagonismo fundamental cunha clara intencionalidade: que o consumidor non vacilase á hora de diferencialo de produtos similares que recorren de forma irregular a termos relativos á orixe do mexillón. Para conseguilo ideouse unha frase chamativa que acompañaba ao distintivo da DOP: “O noso con selo”. Con esta fórmula quíxose reforzar a imaxe da nosa marca e subliñar a mensaxe de que só os produtos DOP portan unha etiqueta que constitúe a garantía da procedencia cento por cento galega do mexillón.

Ao redor desas dúas ideas virou a campaña, que recorreu a vídeos, anuncios, así como tamén a diversos concursos que buscaban a captación e fidelización da audiencia a través da interacción. A última desas accións, que puxo o punto final á campaña, foi a Mexillón de Galicia X- Periencie, cuxos afortunados gañadores gozaron dunha xornada lúdica que incluíu unha visita ao monte Siradella do Grove, un paseo en barco pola Ría de Arousa para coñecer onde e como se produce Mexillón de Galicia e unha comida nun idílico faro da Illa de Arousa, onde gozaron dun menú a base de Mexillón de Galicia.

As cifras obtidas falan ben ás claras da resposta obtida entre os internautas. A páxina de facebook da DOP alcanzou os 4.400 “Me gusta”, o que supón 1.700 máis dos que había ao comezo da campaña. Dous vídeos, un sobre as bateas nas que se cría Mexillón de Galicia, e outro sobre as virtudes de Mexillón de Galicia como ingrediente na cociña, alcanzaron as 100.000 visualizacións. Ademais, outras propostas como o sorteo dun proxector oceánico e a “batea de amigos” colocaron os alcances das mensaxes por encima das 150.000 persoas.

Estes resultados colocan a Mexillón de Galicia un novo escenario xurdido tras esta campaña, que, por unha banda, permitiu reforzar a súa imaxe de marca e, por outra, ampliou de maneira moi considerable o coñecemento que se tiña dela. Ambos os logros son da máxima importancia e en ambos haberá que seguir traballando.

Ademais, este proxecto resulta de interese colectivo, xa que beneficia directamente a produtores, transformadores e elaboradores de Mexillón de Galicia, que reúnen a máis de 1.200 titulares de bateas e 37 empresas inscritas como operadores de fresco ou transformado no ámbito xeográfico do GALP (Ría de Arousa).