Mexillón de Galicia protagonizará dúas degustacións no salón de turismo Xantar que se celebra en Ourense

31 Xaneiro, 2018

A DOP Mexillón de Galicia acudirá un ano máis a Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense entre o 31 de xaneiro e o 4 de febreiro e que chega á súa 19 edición.

Esta cita, dedicada á promoción do turismo e a enogastronomía, reuniu en 2017 a 232 expositores procedentes de 11 países (España, Portugal, Panamá, Costa Rica, México, Ecuador, Paraguai, Francia, Perú, Cuba e Arxentina).

O programa inclúe un importante apartado dedicado á degustación de produtos do mar de Galicia, no que Mexillón de Galicia ocupará un lugar destacado protagonizando dúas sesións.

A primeira, denominada “Mexillón de Galicia: O noso, con selo”, será mañán xoves, 1 de febreiro, ás 18 horas, da man de José Manuel Mallón, que elaborará unha proposta integrada por “Tartar de Mexillón de Galicia sobre Grelos de Galicia en pan de millo especiado”; “Mexillón de Galicia crocante, escuma de Fabas de Lourenzá e terra de Mariñeiras”; e “Meloso de Queixo tetilla, esponxa de Castaña de Galicia e toffe de frambuesa”.

Para a segunda haberá que esperar ao domingo, 4 de febreiro. Será ás 13,30 cando se inicie “Mexillón de Galicia: Namórate dun galego”, a degustación na que, de novo, José Manuel Mallón evidenciará a versatilidade culinaria de Mexillón de Galicia. Nesta ocasión, o menú comezará con “Mexillón de Galicia ao estilo tigre na súa falsa cuncha de Fabas de Lourenzá”; continuará con “Raviolis de Grelos de Galicia con Mexillón de Galicia e Cebreiro”; e finalizará con “Biscoito de Mel de Galicia, sopa de iogur de produción ecolóxica e galletas Maruxas”.

Ambos menús serán maridados con viños da DO Rías Baixas.

As explicacións de Mallón durante o proceso de elaboración complementaranse coas achegas de Gabriela André, responsable de Promoción e Márketing da DOP, que fará fincapé nas cualidades que converten a Mexillón de Galicia nun alimento único.

Os que queiran asistir á degustación poden informarse no correo electrónico infotalleresxunta@gmail.com ou chamado ao 698128532.