Mexillón de Galicia acode por primeira vez a Fitur

19 Xaneiro, 2018

A DOP Mexillón de Galicia estará presente por primeira vez en Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid entre o 17 e o 21 de xaneiro. Será precisamente o domingo, día 21, entre as 13,30 y 14 horas, no expositor que o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente ten instalado no pavillón 9 de Ifema, cando se faga efectiva esa participación no apartado denominado “Viaxa polas paisaxes e sabores de España”, ao que concorrerán igualmente algunhas das D.O. máis importantes de España.

A proposta de Mexillón de Galicia consistirá nunha degustación elaborada polo cociñeiro Miguel Mosteiro, que preparará dúas receitas: “culler de Mexillón de Galicia con guacamole e verduritas encurtidas” e “ vol au vent de humus de Mexillón de Galicia con ovas de troita”.
Ademais de gozar co bo facer de Mosteiro e do sabor único de Mexillón de Galicia, os asistentes recibirán ampla información sobre o proceso de produción de Mexillón de Galicia, as particularidades da contorna natural no que se cría, as súas calidades como alimento, así como a garantía de orixe e excelencia que representa para o consumidor o selo de Mexillón de Galicia. De todo iso encargarase a responsable de Promoción e Márketing da DOP, Gabriela André.

Fitur é una das citas máis importantes do mundo no seu xénero. Este ano estarán presentes máis de 10.000 empresas provenientes de 165 países e rexións. En canto á previsión de asistencia, o ano pasado alcanzáronse os 254.000 visitantes, 135.000 dos cales foron profesionais. A organización prevé que estas cifras serán superadas na edición de 2018.
Coa súa participación en Fitur, Mexillón de Galicia referenda a súa vontade de estar presente nos principais eventos promocionais que se celebran en España, contribuíndo dese modo para difundir e reforzar a súa imaxe como marca de calidade.

Pero hai máis motivos para estar en Madrid. Mexillón de Galicia representa uns valores que fan oportuna a súa presenza nunha feira turística. A evolución experimentada na forma de gozar do noso tempo libre leva ao viaxeiro a buscar experiencias novas, ricas en sensacións, e ser protagonista das mesmas. Galicia ten nas súas rías e no prestixio dos productos do mar un atractivo de primeira orde. E esas rías non se entenderían sen a presenza das bateas, convertidas en habitual polo de atracción para moitos turistas que visitan a nosa comunidade, interesados en coñecer unha actividade como a produción de mexillóns que forma parte da identidade de moitas xeracións de galegos que dedicaron a súa vida a esa tarefa.

Desas bateas extráese o que sen dúbida é o alimento máis representativo da nosa despensa mariña, que ten no Mexillón de Galicia o selo que garante a súa excelencia e orixe cento por cento alego. Os afortunados que participen na degustación do domingo terán a oportunidade de comprobar por si mesmos todas a cualidades que fan de Mexillón de Galicia un bocado excepcional.