O Museo do Pobo Galego acolle desde mañán a exposición fotográfica “Mexillón de Galicia”

10 Xaneiro, 2018

A exposición fotográfica “Mexillón de Galicia” poderá visitarse desde mañán xoves e ata o 28 de febreiro no Museo do Pobo Galego de Santiago. A inauguración está fixada para as 19 horas. Francisco Alcalde García, presidente do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, e Justo Beramendi González, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, serán os anfitrións dun acto ao que asistirán representantes de distintos ámbitos da sociedade galega.
Cincuenta fotografías e un vídeo de tres minutos, ambos realizados polo fotógrafo Xurxo Lobato, integran esta mostra que forma parte dun proxecto concibido pola DOP Mexillón de Galicia para dar a coñecer en Galicia, España e o mundo a marca Mexillón de Galicia, que representa garantía de calidade e orixe para o consumidor.
Este relato audiovisual completa un traballo do que forma parte tamén o libro “Mexillón de Galicia”, que o pasado ano foi galardoado como mellor libro de gastronomía de España na categoría de mellor fotografía e, igualmente, obtivo o segundo premio ao mellor libro de gastronomía do mundo na mesma modalidade. A exposición de Santiago dá continuidade a esa publicación, axudando ao espectador a descubrir que hai detrás de Mexillón de Galicia.
Detrás desa marca hai mulleres e homes que foron capaces de crear unha actividade sustentable, ao redor da que xurdiu un sector xerador de riqueza nas zonas costeiras de Galicia. Eles son os responsables de que un produto tan ligado á nosa identidade sexa merecedor dun distintivo que garante a súa calidade e a súa orixe. Un alimento moi versátil e sempre exquisito que segue formando parte da nosa dieta, ben preparado de forma tradicional ou como ingrediente da máis alta cociña.
A exposición está estruturada a modo de itinerario que comeza coa recollida da semente do mexillón nas rochas, prosegue nas bateas, onde o mexillón crecerá ata a súa retirada, continúa nas plantas depuradoras e transformadoras e finaliza no mercado, onde se comercializa en diversos formatos. Un periplo que describe como a través dun traballo que en moitas ocasións pasa de pais a fillos configúrase unha forma de ser, unha identidade, a dos que forman parte de Mexillón de Galicia.
Esta mostra xa se expuxo con anterioridade no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, e no Aquarium Finisterrae da Coruña.