A campaña de comunicación da DOP en medios dixitais está obtendo moi bos resultados

27 Decembro, 2017

“Promoción innovadora do Mexillón de Galicia a través dos medios dixitais” é o nome do proxecto que ampara a campaña de comunicación de ámbito nacional que está a levar a cabo Mexillón de Galicia en soportes on line. O importe desta iniciativa é de 65.000 euros que proveñen dunha axuda solicitada ao GALP, aprobada pola Consellería do Mar e financiada con fondos europeos. Desa cantidade, 45.000 euros xa foron empregados nas distintas actuacións desenvolvidas ata agora.
Desde a súa posta en marcha en outubro está obtendo moi bos resultados de audiencia, superando as previsións establecidas ao seu inicio. Significar que durante outubro e novembro o número de impresións (as veces que se mostrou unha mensaxe relacionada coa campaña) superaron os dous millóns e os clics (a acción cando o destinatario pincha na mensaxe que se lle mostra porque lle desperta interese) acadaron os 8.500 nos distintos soportes, tanto profesionais como de información xeneral, a través dos que foron canalizadas as mensaxes.
Nesta mesma liña, o alcance obtido na nosa páxina de facebook acadou rexistros de seguimento non logrados nunca con anterioridade, con picos de ata 159.000 persoas. Esta cifras están a permitir achegar información sobre a nosa marca a un volume potencial de xente moi significativo. Tamén incrementouse de maneira notable o apartado de “Me gusta” do facebook, superando amplamente os 4.000 seguidores. Esas cantidades evidencian o acerto á hora de apostar polos soportes dixitais para facer de Mexillón de Galicia unha marca con maior presenza entre os consumidores.
Inicialmente, a fórmula utilizada na campaña consistiu en chamar a atención acerca da diferencia que hai entre Mexillón de Galicia e outras ofertas existentes no mercado. Esa tarefa se fixo recurrindo a mini videos nos que o distintivo de Mexillón de Galicia aparece acompañado da frase “O noso con selo”. Preténdese así reforzar a imaxe da nosa marca e subliñar que só os produtos DOP portan un distintivo que constitúe a garantía da procedencia cento por cento galega do mexillón e dunha calidade superior.
Estes soportes audiovisuais e outros como spots complementáronse con accións que tiveron unha grande resposta do público, como os concursos nos que se sorteaban distintos agasallos.
Esta campaña, coa que se quere consolidar a competitividade da DOP; potenciar a marca Mexillón de Galicia; e comunicar as vantaxes que, en termos de valor engadido, representa pertencer á DOP, seguirá desenvolvéndose ata o mes de febreiro.
Ademais, este proxecto resulta de interese colectivo xa que beneficiará directamente ao colectivo de produtores, transformadores e elaboradores de Mexillón de Galicia. Un colectivo que reúne a máis de 1.200 titulares de bateas e 37 empresas inscritas como operadores de fresco ou transformado no ámbito xeográfico do GALP (Ría de Arousa).