A DOP Mexillón de Galicia pon en marcha o luns unha ambiciosa campaña de comunicación

29 Setembro, 2017

Consolidar a competitividade da DOP; potenciar a marca Mexillón de Galicia; e comunicar as vantaxes que, en termos de valor engadido, representa pertencer á DOP. Estes son os tres grandes obxectivos que se pretenden alcanzar coa campaña de comunicación que vai desenvolver a DOP Mexillón de Galicia desde o luns, 2 de outubro, ata o próximo mes de febreiro e cuxos contidos foron concibidos pola empresa Idea.
Como consolidar a competitividade da DOP? Reforzando a imaxe de calidade que ofrecen os produtos amparados polo noso selo de calidade.
Como potenciar a nosa marca? Creando unha imaxe de marca máis clara e facilmente recoñecible para os consumidores que irá acompañada de mensaxes directas destinadas a apoiar a elección dos produtos amparados por Mexillón de Galicia.
Como comunicar as vantaxes de pertencer á DOP? Demostrando á industria mexilloeira e aos consumidores os beneficios que representa o selo de calidade DOP.
Esta ambiciosa iniciativa do Consello Regulador, realizada a través dunha axuda solicitada ao GALP, aprobada pola Consellería do Mar e financiada con fondos europeos, vai dirixida a un público amplo, integrado tanto por consumidores finais como por profesionais da distribución, hostalería, gastronomía, etc, e o seu ámbito de divulgación será nacional.
Nesta ocasión, a campaña recorrerá a soportes dixitais (redes sociais, edicións en liña de xornais e revistas, así como as principais plataformas de televisión en liña), onde se presentarán as mensaxes a través de formatos como anuncios, vídeos, banners… Unha estratexia que ten como finalidade alcanzar a maior cobertura posible entre o público ao que vai destinado, incrementando dese modo o coñecemento da nosa marca e xerando notoriedade e imaxe de marca.
Como non podía ser doutra maneira, o selo da DOP adquire un gran protagonismo tendo en conta que o que se pretende é estender e fortalecer o alcance da marca Mexillón de Galicia para que non haxa dúbidas á hora de distinguilo de outras ofertas do mercado, e sobre todo de aquelas que utilizan de forma irregular termos relativos á orixe do mexillón, creando confusión entre os consumidores.
Para conseguilo, o distintivo de Mexillón de Galicia aparece acompañado da frase “O noso con selo”. Preténdese así reforzar a imaxe da nosa marca e subliñar  a mensaxe de que só os produtos DOP portan un distintivo que constitúe a garantía da procedencia cento por cento galega do mexillón.
Ao redor desas dúas ideas, concibíronse unha serie de mensaxes que buscan realzar esa identificación recorrendo a propostas audiovisuais innovadoras, sorprendentes pero tamén clarificadoras para que ao consumidor non lle queden dúbidas acerca do que significa Mexillón de Galicia e a diferenza de calidade que representa elixilo.
A campaña quere conseguir a maior interacción posible co público. Con tal fin ideáronse accións como concursos, cuxos gañadores serán premiados con agasallos. Xunto aos elementos sinalados, o merchandising tamén terá o seu espazo con distintos produtos deseñados para a ocasión, todos eles moi atractivos.