O mexillón fresco certificado pola DOP en 2016 aumentou un 112% respecto a 2015

6 Abril, 2017

A DOP Mexillón de Galicia alcanzou un rexistro espectacular en 2016 en canto ao volume de produto certificado fresco. Foron un total de 6.194.216 quilos, o que equivale a un incremento de nada menos que o 112% respecto ao exercicio de 2015 (2.921.996 quilos). A razón fundamental que axuda a entender este aumento na demanda foi a alta calidade alcanzada polo mexillón que chegou ao mercado.

En canto á industria transformadora, en 2016 acaparou 32,5 millóns de quilos de mexillón con DOP, fronte aos algo máis de 39 millóns do ano anterior. É unha cifra algo menor pero suxeita a matices, posto que máis de cinco millóns de quilos de mexillón non puideron recibir o certificado de calidade xa que, a pesar do seu bo rendemento, o número de pezas por quilo superaba as 40, o límite fixado na actualidade para considerarse Mexillón de Galicia.

Nos últimos anos constátase unha mellora moi importante no rendemento medio do mexillón, que non baixou do 20%. Este avance hai que atribuílo a dous factores: a cantidade de alimento dispoñible nas rías, así como ás constantes melloras das prácticas dos produtores.

Ese maior rendemento permite ofrecer ao mercado un exemplar de menor talla pero cunha vianda igualmente atractiva. Isto tradúcese en algo de gran relevancia, xa que a DOP pode aumentar o número de pezas por quilo permitido ata agora (para o que está en marcha a modificación do Prego de Condicións) e dar resposta ás novas demandas dos consumidores proporcionándolles un produto máis pequeno pero da máxima calidade.

 

Máis descargas e controis

O incremento de vendas en fresco durante 2016 levou aparellado un notable aumento dos controis realizados polos técnicos da DOP nos puntos de descarga. Das 11.461 intervencións de 2015 pasouse a 13.960 o ano pasado, das que 5.740 responderon aos criterios establecidos pola DOP.

Esa supervisión compleméntase coas accións levadas a cabo por Bureau Veritas, encargada de auditar empresas e bateas certificadas pola DOP.

O sistema de inspección establecido por Mexillón de Galicia basea a súa solvencia en que as operacións entre produtores e comercializadores son revisadas con independencia e rigorosidade, sometendo a un control de calidade cada unha das partidas de mexillón que se descarga.

 

Aumento de operadores

A 31 de decembro de 2016, os produtos con selo Mexillón de Galicia comercializábanos 57 empresas. Ademais, outras 5 interesadas en obter a certificación estaban a ser sometidas a unha auditoría inicial, de maneira que, nun curto espazo de tempo, poderían ser 62 as compañías inscritas que operan con Mexillón de Galicia.

Tamén con data de 31 de decembro figuraban inscritos na DOP 48 operadores alimentarios, 27 dos cales son conserveiras-cocederos (tres en fase de certificación) e 21 empresas de depuración (dúas pendentes de certificación). A estes hai que engadir 14 empresas non inscritas que encargan a elaboración dos seus produtos a compañías si rexistradas na DOP.

Ademais, o proceso de regularización levado a cabo permitiu reforzar a cadea de abastecemento, que dispoñerá de 2.091 bateas para fornecer o mercado con produto certificado.