A exposición “Mexillón de Galicia” que se exhibe no Aquarium Finisterrae da Coruña recibiu máis de 35.000 visitas

31 Marzo, 2017

O 2 de xaneiro abría as súas portas no Aquarium Finisterrae da Coruña a exposición fotográfica “Mexillón de Galicia”. Desde entón e ata onte, 30 de marzo, foi visitada por 35.273 persoas, unha cifra que evidencia a súa magnífica acollida e que levou á dirección do recinto coruñés a solicitar ao Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, propietario das instantáneas, unha extensión do prazo previsto para a súa exhibición, que se prolonga agora ata o 30 de xuño, tres meses máis do acordado inicialmente.

Cincuenta fotografas e un vídeo de tres minutos (coas explicacións en galego, castelán e inglés), ambos realizados polo fotógrafo Xurxo Lobato, integran esta mostra que forma parte dun proxecto concibido pola DOP Mexillón de Galicia para dar a coñecer en Galicia, España e o mundo a marca Mexillón de Galicia, que representa unha garantía de calidade e orixe para o consumidor.

Este relato audiovisual completa un traballo que ten o seu xerme nun libro presentado en decembro de 2015, titulado “Mexillón de Galicia”, que supuxo unha carta de presentación da DOP ante a sociedade e un elemento de autoestima para os operadores do sector. A exposición da Coruña dá continuidade a ese libro, axudando ao espectador a descubrir que hai detrás de Mexillón de Galicia.

Detrás desa marca hai mulleres e homes capaces de crear unha actividade sustentable e xeradora de riqueza nas zonas costeiras de Galicia. Eles son os responsables de que un produto tan ligado á identidade de Galicia sexa merecedor dun distintivo que garante a súa calidade e a súa orixe. Un alimento moi versátil e sempre exquisito que segue formando parte da nosa dieta, ben preparado de forma tradicional ou como ingrediente da máis alta cociña.

A exposición relata un itinerario que comeza coa recollida da semente do mexillón nas rochas, prosegue nas bateas, onde crecerá ata a súa retirada, e finaliza no mercado, onde se comercializa en diversos formatos. Un periplo que describe como a través dun traballo que en moitas ocasións pasa de pais a fillos configúrase unha forma de ser, unha identidade, a de quen forma parte de Mexillón de Galicia.

As visitas poderán realizarse de luns a venres entre as 10 e as 18 horas, mentres que os sábados, domingos e festivos, o horario do Aquarium é de 11 a 20 horas. (Consultar posibles cambios no horario a partir de Semana Santa en http://mc2coruna.org/aquarium/).

Esta mostra xa se expuxo en Vigo, concretamente o Museo do Mar de Galicia, entre maio e xullo do pasado ano.

 Mellor libro de gastronomía de España

O éxito que está a alcanzar a exposición únese ao recoñecemento obtido polo libro “Mexillón de Galicia”, elixido mellor libro de gastronomía de España na modalidade de fotografía. Este galardón foi outorgado pola organización Gourmand International e permitirá á nosa publicación estar presente os días 27 e 28 de maio na cidade chinesa de Yantai, onde se celebrará a Gourmand Awards Ceremony.

No marco desa cerimonia entregaranse os Gourmand Awards, considerados os premios máis prestixiosos do mundo editorial no ámbito da gastronomía e os viños. A esa gala concorrerán libros de 211 países, entre eles “Mexillón de Galicia”. Un xurado será o encargado de elixir entre todos os aspirantes ao mellor libro de cociña e de viños publicado no mundo durante 2016.

A entrega destes premios concita a presenza de relevantes personaxes de ámbito da gastronomía e os libros, así como xornalistas do sector e cociñeiros de todo o mundo. Por tanto, o recoñecemento alcanzado con este galardón reforza a imaxe de excelencia da nosa marca no escenario nacional, ao ser elixido mellor libro de España, pero tamén no internacional, ao dispoñer da posibilidade de exhibirse, gañe ou non, nun marco internacional de gran relevancia.

Os Gourmand World Cookbook Awards foron fundados en 1995 por Edouard Cointreau e é a única competición destas características que existe no mundo.