“Mexillón de Galicia”, mellor libro de gastronomía de España na modalidade de fotografía

10 Febreiro, 2017

“Mexillón de Galicia” obtivo o premio ao mellor libro de gastronomía de España na modalidade de fotografía. O galardón, outorgado pola organización Gourmand International, permitirá a esta publicación, promovida e editada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia e ilustrada con fotografías de Xurxo Lobato, estar presente os días 27 e 28 de maio na cidade china de Yantai, onde se celebrará a Gourmand Awards Ceremony.

No marco desa cerimonia entregaranse os Gourmand Awards, considerados como os premios máis prestixiosos do mundo editorial no ámbito da gastronomía e os viños. A esa gala concorrerán libros de 211 países, entre eles “Mexillón de Galicia”. Un xurado será o encargado de elixir entre todos os aspirantes ao mellor libro de cociña e de viños publicado no mundo durante 2016.

Segundo datos da organización, a entrega destes premios concita a presenza de relevantes personaxes de ámbito da gastronomía e os libros, así como xornalistas do sector e cociñeiros de todo o mundo.

Os Gourmand World Cookbook Awards foron fundados en 1995 por Edouard Cointreau e é a única competición destas características que existe no mundo.

Imaxe reforzada

“Mexillón de Galicia” é un ambicioso proxecto destinado a dar a coñecer en Galicia, España e o mundo (os seus textos están en galego, castelán e inglés) unha marca que representa garantía de calidade e orixe para o consumidor. O recoñecemento alcanzado con este galardón contribuirá en gran medida a lograr eses obxectivos, xa que non só reforza a imaxe de excelencia da nosa marca no escenario nacional, ao ser elixido mellor libro de España, senón tamén no internacional, ao dispoñer da posibilidade de exhibirse, gañe ou non, nun marco internacional de grande relevancia.

A obra, presentada en decembro de 2015, reflicte o quefacer dunha industria historicamente ligada a Galicia da que forman parte produtores, depuradores, transformadores, conserveiros e distribuidores. Todos eles foron capaces de colocar á nosa comunidade autónoma á vangarda mundial en termos de volume pero, sobre todo, no que concierne á calidade deste bivalvo, que se converteu no primeiro produto de mar que está amparado pola garantía dun selo de calidade de orixe: a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia.

O fotógrafo Xurxo Lobato foi o encargado de dar visibilidade a través das súas instantáneas aos protagonistas da conversión deste sector no que é hoxe un día: unha industria capaz de xerar valor. Eses protagonistas son homes e mulleres que a través das páxinas deste libro cóntannos como se forxa unha identidade e configúrase unha forma de ser.