O primeiro taller de cociña de Mexillón de Galicia atraeu a un público moi dinámico e participativo

23 Novembro, 2016

Áxil, dinámico e cun público moi participativo. Así transcorreu onte o primeiro dos dous talleres de cociña que Mexillón de Galicia protagoniza no Centro Comercial Arousa de Vilagarcía. A segunda cita é o vindeiro martes, día 29 ás 18,30 horas.

O cociñeiro Miguel Mosteiro, axudado por Daniel Portillo, foi o encargado de preparar tres pratos nos que o ingrediente fundamental era o Mexillón de Galicia. En concreto, Mexillón de Galicia con lacón galego e fabas de Lourenzá; humus de Mexillón de Galicia con grisinis de sementes; e wao bao de Mexillón de Galicia con brotes tenros, cebola encurtida e salsa ponzu.

Durante a elaboración das receitas, Mosteiro trasladou aos asistentes algunhas das razóns que fan de Mexillón de Galicia un produto único polo seu sabor e versatilidade na cociña, unha cualidade que o fai especialmente recomendable para incluílo nos menús de nadal. As explicacións de Mosteiro complementáronse cos comentarios de Gabriela André, responsable de Promoción e Márketing da DOP Mexillón de Galicia, quen fixo fincapé nos valores nutritivos do mexillón e os beneficios que reporta o seu consumo. Así mesmo mostrouse un vídeo que mostra que hai detrás do selo Mexillón de Galicia.

André aclarou aos presentes que non todos os mexillóns son iguais, insistindo en que Mexillón de Galicia é unha marca que ampara a un mexillón producido segundo uns criterios de calidade que garanten ao consumidor tanto a orixe como a excelencia do produto que adquiren.

Os asistentes tomaron boa nota das explicacións e formularon numerosas preguntas relacionadas tanto coas receitas como cos procesos de produción de Mexillón de Galicia.

Este taller de cociña terá unha segunda parte o vindeiro martes. Será no Centro Comercial Arousa, ás 18,30 e con entrada libre.