Mañá celébrase en Vilagarcía o primeiro dos dous talleres de cociña dedicados a Mexillón de Galicia

21 Novembro, 2016

Mexillón de Galicia protagonizará dous talleres de cociña que se celebrarán no Centro Comercial Arousa de Vilagarcía. O primeiro será mañá, mentres que o segundo será o próximo martes, día29.

“Namórache do mexillón” é o título desta iniciativa dirixida polo cociñeiro Miguel Mosteiro e aberta a todas as persoas que queiran saber que fai do Mexillón de Galicia un produto sen comparación polas súas propiedades nutritivas, que o converten nun alimento idóneo para todas as idades, así como polo seu exquisito sabor e enorme versatilidade na cociña, cualidades que fan deste marisco un ingrediente idóneo para os menús das inminentes datas de nadal.

Ademais de proporcionar as viandas, persoal da DOP Mexillón de Galicia ofrecerá aos asistentes unha charla informativa sobre os beneficios que reporta para a saúde a inxesta deste bivalvo e a certidumbre que representa para o consumidor adquirir mexillóns amparados pola marca Mexillón de Galicia, a única que garante unha calidade superior e unha orixe cento por cento galega.

Mañá, Mosteiro elaborará tres pratos con Mexillón de Galicia como ingrediente principal: Mexillón de Galicia con lacón galego e fabas de Lourenzá; humus de Mexillón de Galicia con grisinis de sementes; e wao bao de Mexillón de Galicia con brotes tenros, cebola encurtida e salsa ponzu.

Unha semana despois, o menú integrarano Mexillón de Galicia con salsa diabla; Mexillón de Galicia con guacamole e tomatitos encurtidos; e Mexillón de Galicia á mariñeira.

En ambos os casos, os talleres desenvolveranse na aula de cociña do centro comercial, situada na segunda planta, a partir das 18,30 horas. A entrada en totalmente gratuíta.