Mexillón de Galicia mostrará en Conxemar as razóns do seu prestixio

3 Outubro, 2016

O Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia participará na XVIII edición da feira Conxemar que se inicia mañá en Vigo.

As cifras que se manexan nesta cita empresarial de carácter internacional (583 expositores e 43 países presentes) fan dela un escenario axeitado para incrementar o coñecemento que xa se ten de Mexillón de Galicia no ámbito da industria do mar. Ao mesmo tempo, Conxemar é unha excelente oportunidade para mostrar ante un público profesional as razóns que fan de Mexillón de Galicia unha marca de prestixio para os consumidores. Un selo que garantiza a orixe galega do mexillón, así como un produto ben diferenciado do resto pola súa superior calidade.

Durante as tres xornadas que durará esta feira, o personal da DOP explicará, por unha banda, que fai do Mexillón de Galicia un alimento único (a súa produción totalmente natural, os controis de calidade ao que está sometido, as súas cualidades nutricionais…) e, por outra, como identificalo sen posibilidade de erro gracias ao seu distintivo.

Así mesmo, no expositor da DOP os profesionais poderán coñecer os diferentes formatos comerciais dos mexillóns amparados polo noso selo de calidade.

Paralelamente, concorrendo a Conxemar preténdese captar novas compañías interesadas en acreditarse para comercializar Mexillón de Galicia. Ademais, estableceranse contactos con empresas de distribución alimentaria para ofrecerlle a adquisición do noso produto. De aí sairá unha relación que se entregará ás empresas certificadas para que continúen o labor comercial de acordo coas súas estratexias.