O Pleno da DOP pon en marcha un ambicioso plan de regularización

22 Setembro, 2016

Acadar un sector máis unido, forte e cunha maior proxección de futuro. Estes son os obxectivos que o Pleno do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia quere conseguir cunha medida de grande calado dirixida a incrementar o actual número de empresas e produtores certificados e, en consecuencia, reforzar a representatividade que Mexillón de Galicia xa ostenta dentro do sector.

Para conseguilo vaise levar a cabo un proceso de regularización perfectamente regrado co que proporcionar unha solución axeitada e integradora a aqueles operadores que, estando inscritos no Consello, non cumpriron coas obrigas económicas que leva consigo esa adhesión e, en consecuencia, non poden exercer os dereitos que lles asisten.

Para solventar esa situación, o Pleno do Consello Regulador aprobou a elaboración dun novo Regulamento de xeito que cando sexa aprobado pola Consellería do Mar permitirá aos inscritos que cumpran determinadas condicións recuperar todos os seus dereitos. Ademais, quedarán eliminadas da contabilidade do Consello as débedas contraídas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.

 

Requisitos a cumprir

Aqueles que queiran regularizar a súa situación haberán de renovar as súas inscricións no Consello Regulador solicitando unha auditoría de calidade; someter o mexillón que subministren ou comercialicen ao sistema de Control e Certificación que ten implantado o Consello Regulador; así como abonar antes do 31 de outubro as cotas emitidas polo Consello dende o 1 de xaneiro de 2016 e manterse ao día nas sucesivas obrigas económicas co Consello.

Ademais destes, existen outros inscritos que manteñen débedas co Consello pero que están ao día nas cotas de 2016 e venden o seu produto amparado polo selo da DOP. Estes casos xa cumpren as condicións para ser regularizados, segundo a norma establecida polo Consello.

Neste contexto, o Consello quere agradecer a actitude mantida por todos aqueles inscritos que cumpriron coas súas obrigas contribuíndo ao mantemento do Consello Regulador. A súa xenerosidade propicia que esta regularización poida levarse a cabo.

Pola contra, os debedores que non se ateñan ás condiciones fixadas serán dados de baixa dos rexistros mantendo a débeda. Unha vez producida a baixa, establécese un período de dous anos ata que se poida volver a inscribir de novo no consello regulador, tal e como establece a normativa vixente.

 

Máis presenza no mercado e menos fraude na etiquetaxe   

En que se traducirá esta estratexia deseñada polo Pleno da DOP? Nun incremento de presenza no mercado de produto certificado e con garantía de orixe, o que contribuirá a contrarrestar a fraude que se ven percibindo na etiquetaxe o os seus efectos negativos na demanda do Mexillón de Galicia.

A correcta identificación do produto constitúe un aspecto capital para a DOP, por iso nos segue chamando negativamente a atención a pertinaz actitude dilatoria mantida pola Consellería do Mar solicitando informes ás institucións europeas sobre o ámbito de protección da DOP, cando os tribunais xa se manifestaron claramente respecto diso a favor das teses defendidas por Mexillón de Galicia.

 

Cumprir os obxectivos deste mandato

O proceso de regularización se engade a outras iniciativas xa postas en marcha polo Pleno do Consello Regulador para cumprir cos obxectivos que ten fixados para este mandato. Neste sentido, hai que lembrar a creación de tres comisións, integradas por transformadores, depuradores e produtores, destinadas a favorecer a participación dos operadores no día a día e nas decisións da DOP; a modificación do prego de condicións da DOP para adaptar o produto certificado ás novas demandas do mercado; así como a actualización do regulamento da DOP para adecualo á normativa que rexe nestes momentos para os consellos reguladores.