Mexillón de Galicia, presente no salón Salimat

10 Xuño, 2016

A DOP “Mexillón de Galicia” participa desde onte nunha nova edición de Salimat, o Salón de alimentación do Atlántico que se celebra en Silleda ata o domingo.

Onte realizouse unha primeira acción promocional no showcooking-degustación “Mexillón de Galicia: garantía de calidade e orixe”. Da man do cociñeiro Alejandro Iglesias, os asistentes puideron percibir as inmellorables cualidades do Mexillón de Galicia cun menú que comezou cunha Tosta de pan con manteiga de ceboliño e lima con Mexillón de Galicia. A continuación presentouse un prato de Pasta fresca de Mexillón de Galicia con ameixas e tomates frescos. A última proposta foron Fabas á mariñeira con Mexillón de Galicia  e polbo.

O domingo, día de clausura deste salón, haberá un novo showcooking que, co título “Mexillón de Galicia: namórate dun galego”, ofrecerá Fabas con Mexillón de Galicia e Tosta artesá de pan con crema de allo branco, piquillos e Mexillón de Galicia en escabeche.

Comezará ás 13,30 e as preparacións estarán a cargo de Esteban Cidanes.