As manifestacións realizadas o pasado mércores pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, no Parlamento de Galicia, nas que volvía cuestionar o alcance da protección da DOP “Mexillón de Galicia” trala sentenza da Audiencia de Pontevedra, se desacreditan por se mesmas.
¿É entendible que unha representante política do seu rango esqueza as resolucións xudiciais e fale como se fose a portavoz de intereses particulares? ¿Non pensou na inconveniencia que supón escenificar ese discurso nada menos que en sede parlamentaria?
Quintana volveu reproducir os argumentos dunha das partes no citado procedemento xudicial, unhas razóns que foron rexeitadas, en dúas ocasións, polos tribunais. Esta actuación evidencia claramente que a conselleira está facendo un uso de seu cargo público destinado a favorecer a unha parte do sector.
O Consello Regulador da DOP “Mexillón de Galicia” valorará as posibles implicacións xurídicas que puideran derivarse da grave conduta da Conselleira. Mentres tanto, a DOP cre totalmente necesario facer algunhas consideracións respecto a esta estratexia desenvolvida por Mar, así como tamén en relación ós datos inexactos que se están a trasladar á opinión pública relativos ós porcentaxes de certificación da DOP, unha forma de actuar que ten unha clara consecuencia: perxudicar á DOP “Mexillón de Galicia”.
1 -A Constitución Española establece que estamos nun Estado de Dereito no que as leis e as sentenzas son o fundamento xurídico ao que se debe someter a actuación das autoridades. A conselleira esquece ese principio e pretende minusvalorar o criterio dos tres maxistrados dun tribunal e dar máis valor a un ditame administrativo que a un fallo xudicial.
2– Así mesmo, a Constitución di que as resolucións dos tribunais son de obrigado cumprimento. E a conselleira non pode manter un criterio de actuación contrario ao que establece a sentenza. Pretende buscar unha escusa (nun ditame administrativo) para cuestionar a plena efectividade da sentenza ditada e dilatar os trámites para gañar tempo.
3- O Presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Alain Cadec, díxollo ben claro: A lei está por riba de calquera ditame administrativo. As sentenzas hai que acatalas.
4- A conselleira non ten capacidade para artellar un discurso propio sobre a situación e expresa, un por un, os argumentos expostos por unha parte da industria.
5- Ademais, todos os argumentos xurídicos que utiliza: normativa de etiquetado, o Decreto 124/2010, a anulación do Regulamento de 2008, que o mexillón en conserva non está amparado pola DOP, etc, foron analizados polo Tribunal e rexeitados de plano.
6- A conselleira afirma que viñeron interpretando a DOP conforme a un ditame e a unha resposta da Comisión Europea a unha pregunta parlamentaria do ano 2003.
Eses textos tiveron valor como documento de asesoramento da Comisión xa que levaron a elaborar un novo prego de condicións que foi aprobado pola Comisión en 2007, momento no que ditos documentos perderon o valor no que agora quere escudarse a conselleira.
7- Buscar un novo ditame do Comité Científico das DD.OO. para poder incorporar na conserva o nome de Galicia é xustificar a situación que viñeron mantendo ata agora. Situación que todos sabemos perxudica ao sector mexilloeiro galego, produtores e empresas, así como tamén ós consumidores.
8- Por si non fose suficiente o anterior, a Comisión Europea pode emitir unha opinión de interpretación, pero se hai lugar a litixios, como neste caso, non ten competencias de interpretación, senón que incumbe exclusivamente a xuíces e tribunais unha interpretación xurídica mediante unha sentencia como a ditada.
9- Segundo Quintana, a DOP só certifica o 14% do total de mexillón que se cultiva nas rías, volume que deixaría desabastecida á industria transformadora. Tal afirmación non responde á verdade, primeiro porque unha parte moi importante da produción vai dedicada á exportación en fresco e polas súas características e operativa non pode ser amparada baixo a DOP.
Ademais, a súa preocupación de desabastecemento da conserva é infundada xa que, por exemplo, no ano 2014 a demanda total da industria transformadora ascendeu a 96 millóns de quilos (o 54% dese total obtívose en bateas certificadas pola DOP), dos cales 30 millóns foron certificados pola DOP, o que significa mais do 31%. Porcentaxe que seguro se incrementou en 2015, e que contrastaremos cando Mar publique os datos de producións do ano.
Evidentemente, cando a conselleira refire as cifras do volume de operacións transmite una connotación negativa porque non valora os esforzos que temos que dedicar a defendernos de ataques exteriores nin os recursos que como todas as DOP nos seus inicios dedican para fomentar o seu crecemento. E neste senso, entre 2010 e 2015 a porcentaxe de crecemento de volume neto certificado foi do 394%, o que demostra a boa marcha da DOP, cuestión que pode inquietar a quen pretende cuestionar a bondade que representa a DOP para o conxunto do sector que ten os seus intereses no mexillón cultivado, transformado e elaborado en Galicia.
10- Esta actitude da titular de Mar está a causar un grave perxuizo á DOP Mexillón de Galicia. En imaxe pública, no seu desenvolvemento comercial e creando dúbidas nas persoas e nas empresas do sector sobre a protección da DOP, contradicindo o sentenzado e ocasionando en conxunto fortes perxuizos económicos. Como Autoridade competente está a levando a cabo unha actuación contraria a propia Lei de Calidade Agroalimentaria de Galicia.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.