Mexillón de Galicia estará no Salón de Gourmets de Madrid

1 Abril, 2016

O Salón de Gourmets, a feira internacional de alimentación e bebidas de calidade, comeza en Madrid o luns, día 4. Desde esa data e ata o xoves, día 7, 1.400 expositores abrirán as súas portas no recinto de Ifema.

Nese escenario, ao que acudirán 92 importadores de 25 países e no que se mostrarán 35.000 produtos de todo o mundo, estará presente a DOP Mexillón de Galicia para dar a coñecer as cualidades do mellor mexillón do mundo, o Mexillón de Galicia.

Ademais de ter a oportunidade de informar a un público profesional das particularidades que fan do Mexillón de Galicia un produto único e dos seus distintos formatos comerciais, as catro xornadas deste salón tamén servirán, como non podía ser doutra forma, para degustalo nas xornadas de cata e showcooking programadas.