O presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo di que a lei está por encima de calquer ditame

30 Marzo, 2016

Por se había algunha dúbida, Alain Cadec, presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo e xefe da Delegación deste organismo que visita Galicia, disipouna durante o encontro que mantivo esta mañá con responsables da DOP Mexillón de Galicia, encabezados polo seu presidente Francisco Alcalde.

Ao seu xuízo, a recente sentenza emitida pola Audiencia de Pontevedra que referenda o papel da DOP como garante da orixe e calidade do Mexillón de Galicia non admite dúbidas interpretativas. “A lei é a lei. Non podo máis que acatala. As súas preocupacións sobre esta tema están xustificadas”, trasladou aos representantes da DOP.

Non quedaron aquí os razoamentos de Cadec, quen foi máis aló ante o anuncio da Consellería do Mar de solicitar un ditame á Comisión Europea para que aclare o alcance da protección que outorga a DOP. “As leis e os tribunais están por encima de calquera ditame administrativo. Estamos nun estado de dereito”, subliñou o máximo responsable da Comisión de Pesca da Eurocámara.

A reunión serviu ademais para que os eurodeputados, entre os que se atopaban varios galegos, coñecesen en primeira persoa a relevancia socieconómica do mexillón, así como algunhas das principais demandas que a DOP considera urxentes para a mellora do sector.

Entre elas, a defensa enérxica das DOPs contra a vulneración da normativa que as protexe, e máis concretamente a DOP Mexillón de Galicia.

A protección da calidade das augas foi outras das reclamacións incluídas no documento que se lle entregou á delegación europea. Neste sentido, solicítase ás autoridades competentes o cumprimento das súas obrigacións para garantir un elevado nivel de protección das augas onde se crían moluscos. Ademais pídese ao Parlamento Europeo que inste á Comisión a que propoña unha norma específica para a protección das augas de cría de moluscos bivalvos en toda a UE.

Así mesmo, a DOP Mexillón de Galicia considera que en Galicia aplícase a normativa europea de control sanitario de moluscos seguindo criterios restritivos para a actividade produtiva. Tal circunstancia representa, por unha banda, un valor de excelencia para os moluscos producidos, transformados e elaborados en Galicia. Pero, por outra, propicia condicións desiguais de concorrencia no mercado, por iso é polo que solicita que, defendendo sempre os dereitos e intereses dos consumidores, garántase unha igual aplicación da normativa europea sobre control sanitario de moluscos, procedan estes de estados membros ou de terceiros países.